Libraría

Presentación do libro de prosas «Informes y teorías» , de Ildefonso Rodríguez

O músico e escritor leonés Ildefonso Rodríguez presenta, acabado de saír do prelo, o libro de prosas Informes y teorías (Narrativa, Editorial Eolas, León). No acto, o próximo xoves 13 de decembro ás 20:00, intervirán a poeta Olalla Cociña e o músico Bernardo Martínez: presentación, lectura comentada, fragmentos e fondos musicais.

«Textos de moitas idades e tons compoñen Informes y teorías; algúns son simples informes sobre algo unha vez sucedido, outras veces medio ensoñado. O amor, a música, as viaxes, a amizade pediron eses informes. Despois as teorías quixeron especular sobre o visto, o vivido, o lido, resplandecer en augas imaxinarias...»

(Da contraportada de Informes y teorías).

Ildefonso Rodríguez (León, 1952) foi membro fundador das revistas Cuadernos leoneses de poesía e El signo del gorrión. Publicou libros de poesía (entre outros, La triste estación de las vendimias, premio Provincia de León en 1988, Mis animales obligatorios, premio Rafael Alberti en 1995, e o libro - disco Inestables, intermedios, 2014), narrativa (Son del sueño, Disolución del nocturno) e ensaio (El jazz en la boca). A súa obra poética foi reunida no volume Escondido y visible (Editorial Dilema, 2008). A súa última publicación é o libro de prosas Informes y teorías (Eolas, 2018).

É saxofonista, dedicado ao jazz e á improvisación libre. Actualmente escribe no xornal dixital Tam-tam Press a sección Despierto y por la calle.