Arranca «Intemperiadas. Correspondencias interartes con Xela Arias»
Para celebrar e acompañar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a escritora Xela Arias, na Libraría NUMAX presentamos «Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias», unha actividade comisariada por Charo Lopes e apoiada pola Deputación da Coruña que terá cinco citas entre os meses de abril e outubro.
Intemperiadas, correspondencias interartes con Xela Arias é un proxecto comisariado por Charo Lopes para a Libraría NUMAX que conta co apoio da Deputación da Coruña. Ten como alicerce activar a pegada de Xela Arias: a sororidade instintiva, a desobediencia frente un equilibrio inxusto, a creatividade e a experimentación coa palabra son a base para que novas artistas dialoguen hoxe coa poeta falecida en 2003. Este é o punto de partida. O desafío? Transformar o estímulo literario da autora homenaxeada este ano coa celebración do Dia das Letras Galegas noutra cousa. A partir da poesía, desenvolver cadansúa obra-homenaxe, tendo como escenario privilexiado o propio espazo da libraría.
Para isto contaremos con cinco artistas diferentes, en cinco citas entre abril e outubro, que desenvolverán unha parte do seu proceso creativo no espazo da libraría, en horario de apertura ao público. Un happening a acontecer entre a bibliografia básica e complementaria dos andeis de NUMAX. Cinco artistas para desenvolver cinco disciplinas diferentes: Laura Tova (ilustración), Io Morales (téxtil), Jóia Rara [Acacia Ojea e Marta Gilino] (música), Verónica Vicente (fotografía), e Paula Pereira (cerámica). En poucos días daremos todo detalle da primeira das citas, o sábado 10 de abril, coa ilustradora Laura Tova.
#intemperiadas
En paralelo aos encontros do ciclo, e coa intención de democratizar a creación e abrir liñas de participación social, de forma segura, abrimos unha proposta en paralelo: mediante o uso do hashtag #intemperiadas convidamos a que todas as persoas que o desexen publiquen nas redes sociais a súa creación persoal de homenaxe a Xela Arias. Deste xeito, calquera usuaria de Instagram, Twitter ou Facebook pode publicar de forma aberta a súa creación, contribuíndo a divulgar a pegada da obra da autora homenaxeada este ano coa celebración das Letras Galegas. Fotografías, ilustracións, collages, textos… A participación e o formato é libre. No fin do ciclo realizarase unha selección de entre todas os contidos compartidos, con que se fará unha exposición de peche da actividade. A exposición será física, coas impresións en pequeno formato no espazo da libraría, no modo de literatura de cordel, e permanecerá unha semana exposta.
A comisaria
Charo Lopes é licenciada en xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (2010), titulada superior en Fotografía Artística pola ESAD Antonio Faílde (2012) e Máster en Literatura, Cultura e Diversidade pola Universidade da Coruña (2018). Como poeta gañou o 1º premio Xuventude Crea 2014 por Random do quotidiano, o Fiz Vergara Vilariño, co que publicou De como acontece o fim do mundo (Espiral Maior, 2016), e o XXXV premio de poesía Cidade de Ourense, con Álbum (Aira Editorial, 2020). Participou no catálogo Território expandido do festival de fotografia Outono Fotográfico (Difusora, 2016), no Festival da Poesia no Condado (2017) e na obra coletiva Tecermos redes, crearmos comunidade. Estudos sobre a obra de María Reimondez (Xerais, 2020). Publicou "O que significa ser indígena?" no nº4 da Revista Ardora (2019), e "Sereias galegas" no nº7 da Revirada (2020). Como fotógrafa realizou cursos de especialización con profesionais como Julián Barón, Ricardo Cases, David Jimenez, Luis Malibrán ou Omar Josef. A sua serie Do ermo foi seleccionada no Xuventude Crea 2015 de Artes Plásticas e Fotografía, sendo exposta na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (2015). Participou nas exposicións colectivas Pase(e)n e vexan, no Outono Fotográfico en Ourense (2011), Muller, arte e creatividade no Museo Municipal de Ourense (2012) e O espello é noso? na Galeria Cubo de Vigo (2019).
Na actualidade é membro do consello de redacción e responsábel da coordinación de imaxe no periódico Novas da Galiza, dirixe o Portal Galego da Língua e é co-editora da revista caleidoscopica.gal. Como fotógrafa está especializada en retrato; no proxecto umaqualquer.com traballa a representación en chave feminista, suxerindo ás modelos un xogo performativo e apropiándose da imaxe como unha ferramenta de autocoñecemento. Charo Lopes achegounos un itinerario bibliográfico como introdución a Intemperiadas que podes consultar aquí.