Margarita Ledo presentará o libro-dvd 'A cicatriz branca' en Numax
O próximo mércores 29 ás 20h, Margarita Ledo, socia colaboradora de NUMAX, falará na nosa libraría da edición en libro-dvd do seu último filme de vén de saír na Editorial Galaxia. Estará acompañada por Víctor Freixanes e Pilar Cagiao.
A nosa cicatriz
Estou moi contenta de poder acoller na Libraría NUMAX a presentación deste libro-dvd. Sabedora de que o filme suscita opinións diversas, eu estou do lado que me corresponde, o das mulleres, que somos quizais "o espectador" ideal do filme. A cicatriz fálanos, apela aos nosos corpos, á nosa historia (a íntima e a pública), fala a nosa linguaxe: a do silencio, a do movemento lento, a da dición estrañada...
Busco e atopo unhas notas do 12 de decembro de 2012, após a lectura do guión de A cicatriz branca, versión 11_11.08.11 [sic]. Nelas reproducín as seguintes didascalias:
planos lentos como eternos. Corte sempre no medio dunha acción tamén lenta
a toma fica como suspendida
a cámara é fragmentada e descentrada, coma se non quixera ver
[Eu, a outra]
Penso que dan conta do discurso, da ollada que planea sobre todo o filme. Tamén apuntei este fragmento dun monólogo de Merce, que penso que delata a centralidade da escritura, da linguaxe, da voz e da significación do silencio na obra de Margarita:[…] Agora poderei volver á fala, avoa. Din que é o primeiro que muda ao dar en maniática. Dáme o corpo que, na fin, a nós, restaranos soamente a fala. A fala cara dentro como era cara dentro, avoa a súa fala […]
Ademáis dos textos de José Manuel Sande e Pilar Cagiao, a edición en dvd da Cicatriz inclúe unha serie de colaboracións en forma de textos escritos por xente que formou parte do equipo do filme: a propia Margarita, Eva Veiga, Margarita Fernández, Mónica Camaño, Renata Otero, Xoana Pintos, Ramiro Ledo e Abe Rábade, que dan idea de que o filme foi, alén dunha experiencia profesional, un espazo de relacións íntimas.
Quédome coa emoción que provocan logo da ringleira de créditos escritos, as apertas filmadas despois da rodaxe da última toma en Buenos Aires. Un motivo máis para agardar, pacientes, o final do filme.
Irma Amado
- Hoxe
- Ver máis
-
-
-
As margaridas
VOSE
-
-
No Other Land
VOSE
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
Bird
VOSG