Libraría

Presentación do primeiro poemario de Lucía Aldao, «Todo isto antes era noite»

A Libraría NUMAX acolle a presentación de Todo isto antes era noite, o libro de poemas de Lucía Aldao que vén de editar Apiario. Será o martes 18 de decembro ás 20:00 e estará acompañada da editora Antía Otero e do escritor Antón Lopo

Lucía Aldao publica con Apiario o seu primeiro poemario individual, que leva por título Todo isto antes era noite, un libro que, segundo explica a súa autora "abre tantas cousas como pecha, ilumina y ensombrece a partes iguais. Nel trázase o mapa da aprendizaxe sentimental, e hai unha ruta nocturna que atravesa o mellor e o peor das relacións coas demais e comigo mesma. Todo isto antes era noite é un paseo pola intimidade, é entrar e saír. Vas ter que ir de cañas coa autora deste libro." O deseño feito por X.Carlos Hidalgo bebe da tradición dos collages, onde as figuras se baleiran do significado inicial para adquirir outro ao rozarse cun novo contexto. Unha aposta pola ensamblaxe, polas partes, polo todo.

LUCÍA ALDAO POR LUCÍA ALDAO
Nacín en febreiro do 82. Son do barrio coruñés dos Mallos. Manteño unha relación moi estreita coa palabra desde sempre, ben sexa coa palabra escrita, lida, falada ou cantada. Poucas cousas fixen na vida que non estiveran relacionadas con ela.
Traballo profesionalmente na poesía escénica desde 2005 coa tamén poeta María Lado. Xuntas somos aldaolado. Creamos espectáculos de poesía que adornamos con humor e música e cos que xiramos continuamente polos escenarios máis variados. Vivimos da oralidade.
Todo isto antes era noite é o primeiro libro individual que publico. Non foi sen tempo.