Margarita Ledo presenta na Libraría NUMAX «Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra»
A cineasta, catedrática e académica Margarita Ledo Andión achegarase o xoves 25 de febreiro ás 20:30 á Libraría NUMAX para presentar a edición en formato libro-DVD do filme Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra, cuxo deseño correu a cargo do Laboratorio NUMAX. No acto de presentación intervirán, amais da propia autora, o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello e o tamén escritor e cofundador de Nós Produtora Cinematografica, Nemesio Barxa.
A curtametraxe Manuel María: Eu son fala e terra desta miña terra data do ano 2005 e artéllase a xeito de aproximación íntima á figura de Manuel María, poeta chairego que, neste 2016, será homenaxeado co Día das Letras Galegas. O filme bebe de múltiples fontes audiovisuais recollidas de arquivos privados e institucionais que corresponden a diferentes épocas da vida do poeta, combinándose as imaxes coa voz do propio Manuel María.
Tal e como sinala Ledo Andión no texto de presentación incluído no libro, «entre o filme de montaxe de imaxes de diferentes fontes, motivos e épocas, e máis o filme de rodaxe por entre espazos alegóricos que realizan a posta en imaxe da personalidade de Manuel María, o documental pénsase coma un eco interior, con elementos moi próximos ás técnicas de filmar o íntimo».
A edición agora presentada de Manuel María foi deseñada polo Laboratorio NUMAX e inclúe no libro que acompaña ao filme, diversos textos que rodean a figura do poeta de Outeiro de Rei, a cargo de Miguel Anxo Fernán Vello, Paulino Pereiro, Darío Xohán Cabana, M.M. Campo Vidal e a propia autora do filme, Margarita Ledo Andión.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE