Libraría

Oliver Laxe presenta a edición en DVD e BluRay de «Mimosas»

Para celebrar a saída á venda, o mércores 13 de decembro, da edición especial limitada en formatos DVD e BluRay de Mimosas, a Libraría NUMAX acolle a presentación oficial do pack, coa presenza de Oliver Laxe, o xoves 14 de decembro ás 20:00.

A coidada edición de Mimosas, que sae ao mercado da man de NUMAX Distribución e Cameo, conta con dobre copia, en formato DVD e BluRay, do filme que gañou o Grand Prix Nespresso na Semaine de la Critique de Cannes 2016. A edición conta coa versión orixinal do filme en árabe con subtítulos ao galego e español.

Nos materiais extra do pack inclúense, tamén en DVD e BluRay, a mediametraxe París#1, coa que Oliver Laxe se deu a coñecer internacionalmente, mellor documental galego no Festival Play Doc de Tui en 2009, e proxectada en certames de prestixio como o BAFICI, Indielisboa ou L'Alternativa. Os extras inclúen o tráiler de Mimosas con subtítulos en español e a edición dun libro moi especial: La debilidade de creer, diario de rodaxe de 112 páxinas a cargo do guionista do filme, Santiago Fillol.

Estreada en salas de toda España en xaneiro de 2017 por NUMAX Distribución, Mimosas foi unha das sensacións da tempada, acadando o entusiasmo de público e crítica. O filme de Oliver Laxe constrúese como un western metafísico protagonizado por un ancián moribundo e dous buscavidas, que emprenden unha viaxe fisica e espiritual a través do Atlas marroquí. Ademais do seu paso triunfal por Cannes, Mimosas acadou o Premio Especial do Xurado e Mencións Especial ao Mellor Son e Montaxe no Festival de Sevilla e o Premio ao Mellor Filme e Mellor Actor —Shakib Ben Omar— no Festival do Cairo.