Proxección de «Crónica de Anna Magdalena Bach» coa música do clavecinista Diego Ares
Antes da proxección do filme de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet, o músico Diego Ares interpretará ao vivo algunhas pezas do Caderno de Anna Magdalena Bach o vindeiro luns 15 de abril. Trátase dunha actividade enmarcada na cuarta edición do ciclo De lugares e órganos. Música e outras paisaxes de Compostela, dentro da sección «O órgano sae á rúa», que organiza a Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago.
Un ano máis, NUMAX volve colaborar co ciclo De lugares e órganos. Música e outras paisaxes de Compostela, que ofrece a oportunidade de descubrir o patrimonio instrumental de Compostela. O luns 15 de abril ás 19:15 proxectarase na sala de cinema o filme Crónica de Anna Magdalena Bach, biografía dirixida por Straub e Huillet dunha das figuras máis relevantes da historia da música, moi vinculada á musica para órgano, Johann Sebastian Bach. Unha crónica contada a partir da voz dunha narradora, a que foi a súa muller, Anna Magdalena Bach e na que a música, interpretada por grandes referentes da música antiga, como Harnoncourt e o seu grupo Concentus Musicus Wien ou Gustav Leonhardt, ten unha importancia fundamental.
A proxección irá precedida dunha charla introdutoria na que se comentarán tanto aspectos musicais como cinematográficos, e contará coa presenza do clavecinista Diego Ares, que interpretará ao vivo algunhas pezas do Caderno de Anna Magadalena Bach. A entrada é reducida (4€) para todos os públicos e podes reservala xa aquí.