Cinema

O cinema volve a NUMAX o 12 de xuño

O proxector de NUMAX volve prenderse o venres 12 de xuño para dar luz ao mellor cinema independente e de autor en pantalla grande. Será un regreso gradual que, na primeira semana, contará cunha única sesión diaria. Xa podes reservar a túa entrada para as primeiras estreas que adiantamos a continuación.
[Foto: Tamara de la Fuente]

Hai tres meses informabamos de que era necesario interromper temporalmente a actividade por mor da COVID-19. Tras duras semanas fainos moita ilusión poder anunciar o regreso da actividade do Cinema NUMAX para o venres 12 de xuño. Para asegurar a distancia mínima entre persoas haberá unha redución provisional do aforo ao 50%, co que cada sesión contará cun máximo de 35 butacas máis un espazo suplementario para persoas con mobilidade reducida. Para evitar colas recomendamos sempre a compra anticipada que permite acceder directamente á sala sen pasar pola billeteira previa validación das entradas no lector de códigos QR que teremos instalado na entrada do cinema. Nos vindeiros días daremos cumprida información dos novos procedementos e normas de uso que farán de NUMAX unha experiencia tan gozosa como segura e responsábel.

Deixamos a continuación a programación para a primeira semana de reapertura na que culminamos o Foco John Cassavetes, estreamos filmes de primeiro nivel internacional (Bacurau) e recuperamos títulos que non tiveron o espazo merecido na nosa carteleira debido á emerxencia sanitaria da COVID-19. Xa se poden mercar as entradas anticipadas na ficha de cada filme: