Retrospectiva a Abbas Kiarostami os martes de maio e xuño
A nosa cita dos martes co cinema de repertorio terá como protagonista, nos meses de maio e xuño, a un dos maiores creadores do cinema moderno, o iraniano Abbas Kiarostami. A primeira sesión será o martes 10 de maio cunha escolma de curtametraxes presentadas por Iván Cuevas, do Cineclube de Compostela.
Unanimente aclamado como un dos grandes creadores da modernidade, o cinema de Abbas Kiarostami (1940-2016) radiografiou coa súa singular poética do cotiá as mutacións da sociedade persa. Especialmente dotado para o retrato da infancia, a dimensión moral da paisaxe e os dilemas éticos do día a día, a obra do director iraniano pode dividirse en (cando menos) tres bloques diferenciados.
Estudante de Belas Artes e Deseñador Gráfico, Kiarostami introdúcese no mundo do cinema facendo parte de Kanun, o Centro para o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Mozos, unha iniciativa do goberno do Shah na que realiza unha serie de xeniais curtametraxes centradas no retrato da infancia e o sistema educativo do seu país. A esa etapa pertencen as curtametraxes que proxectaremos o martes 10 de maio, con presentación do xornalista, escritor e membro do Cineclube de Compostela, Iván Cuevas.
A partir da década dos oitenta, Kiarostami convértese no principal expoñente na nova vaga iraniana especialmente tras Onte está a casa do meu amigo?. A partir de aquí, Abbas asina unha serie de obras mestras nas que destaca a súa querencia por mostrar os artificios do propio cinema difuminando os lindes entre ficción e documental. A pesar do gran nivel de filmes como E a vida continúa ou A través das oliveiras, que poderemos ver na retrospectiva, a súa consagración internacional non chega até 1997 con O sabor das cereixas, gañadora da Palma de Ouro en Cannes e O vento hanos levar, premio FIPRESCI en Venezia. Coa chegada do século XXI o seu cinema radicalízase aínda máis acadan unha importante experimentación formal.
«A arte chámanos para extraer da nosa realidade unha verdade oculta difícil de descubrir e que non se encontra a un nivel material, senón espiritual» (Abbas Kiarostami)
Calendario da retrospectiva