Cinema

Retrospectiva á obra de Kleber Mendonça Filho

Estamos moi felices de anunciar a retrospectiva á obra do director brasileiro Kleber Mendonça Filho, un dos autores máis suxestivos do cinema mundial. As proxeccións terán lugar os luns do mes de marzo e culminarán coa visita do cineasta de Recife na preestrea do seu último filme, Bacurau. A restrospectiva inclúese no noso ciclo Os ollos verdes e conta coa colaboración de Vitrine Filmes.

O mes de marzo en NUMAX ten como gran protagonista ao cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho, un asiduo do Festival de Cannes de quen percorreremos toda a súa filmografía. Ancorado na cidade pernambucana de Recife, onde nace Mendonça en 1968 e comeza a darse a coñecer como brillante crítico de cinema, a obra do cineasta ofrece unha impagábel crónica social da vida no Nordeste do Brasil. A viaxe polo cinema de Mendonça Filho arranca o luns 2 de marzo co filme que o deu a coñecer internacionalmente, O som ao redor, brillante sátira dos temores da clase media brasileira e as súas implicacións sobre a configuración da cidade de Recife. Unha semana máis tarde proxectarase Crítico, aguda reflexión sobre a problemática relación entre crítica e cineastas que Mendonça explora desde a súa propia experiencia en ambos campos. O filme inclúe máis de 70 entrevistas a célebres críticos e directores, como David Lynch ou Aki Kaurismäki.

A retrospectiva, organizada coa colaboración de Vitrine FIlmes, continúa cunha selección das principais curtametraxes do cineasta nas que ofrece unha, ás veces crúa, crítica á clase media da súa cidade natal. Nesta sesión poderemos ver Vinil verde, Eletrodoméstica, Recife frio e A copa do mundo no Recife. Continuaremos cunha vella coñecida de NUMAX, Dona Clara (Aquarius), crónica da loita dunha muller de 65 anos que se nega a abandonar o edificio no que construíu a súa propia identidade e que corre o risco de desaparecer por mor da especulación inmobiliaria. Dona Clara supuxo a primeira selección en Cannes do cineasta.

A ilusionante viaxe polo cinema de Mendonça FIlho culmina o luns 30 de marzo co seu último filme, Bacurau, Premio do Xurado en Cannes que supón primeira incursión do cinesta no cinema de xénero —Western político de Serie B inspirado na obra de John Carpenter— e no sertão, empobrecida rexión do nordeste brasileiro que serviu de escenario para os principais autores do Cinema Novo —Glauber Rocha, Ruy Guerra, Nelson Pereira dos Santos—. Na preestrea do filme en NUMAX teremos o luxo de contar coa presenza de Kleber Mendonça Filho.

Luns 2 de marzo, 20:00
O som ao redor (2012, 131')

Luns 9 de marzo, 20:00
Critico + Luz industrial magica (2008, 87')

Luns 16 de marzo, 20:00
Curtametraxes: Vinil verde + Eletrodoméstica + Recife frio + A copa do mundo no Recife (2004-2015, 74')

Luns 23 de marzo, 20:30
Dona Clara (Aquarius) (2016, 140')

Luns 30 de marzo, 21:00
Bacurau (2019, 132') * Preestrea coa presenza de Kleber Mendonça Filho