Manuel Rivas presenta «Contra todo isto. Un manifesto rebelde»
Chega á Libraría NUMAX un dos libros do ano no panorama literario galego, especialmente acaído e urxente para os tempos que corren. Contra todo isto. Un manifesto rebelde contará coa presentación do seu autor, o escritor e xornalista Manuel Rivas, acompañado por Manuel Bragado (Xerais), a escritora Rosa Aneiros e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.
Contra todo isto é un volume urxente que fala da perda de liberdades no actual estado de cousas que, como indica Ramón Nicolás Rodríguez, (La Voz de Galicia) «é ao tempo xornalismo e literatura, literatura poderosa desa que arrastra e exerce un feitizo difícil de definir desde a primeira palabra. E, xustamente, a primeira palabra articúlase como un manifesto rebelde, inserido na mellor das tradicións deste tipo de textos cando hai substantivas razóns para facer pública unha reflexión encol dunha realidade precaria que, por veces, non entendemos, e noutras ocasións non nos atrevemos a mirar aos ollos.»
«Este libro está escrito contra Todo Isto.
Todo Isto é descivilización.
Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente.
Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos.
Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades.
Todo Isto é o machismo como sistema.
Todo Isto é a guerra contra a natureza.
Todo Isto é domesticación intelectual.
Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal.
Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria.»
(Manuel Rivas)
- Hoxe
- Ver máis