NUMAX

A cineasta Salomé Lamas presenta filme e libro en NUMAX

O venres 6 de marzo o Cinema NUMAX terá como gran protagonista a cineasta portuguesa Salomé Lamas, unha das creadoras máis inquedas e anovadoras do cinema luso, a quen xa coñeceramos na presentación de El Dorado XXI e Terra de ninguem. As actividades coa directora portuguesa contan coa colaboración de Estraperlo Editora, Intersección. Contemporary Audiovisual Art Fest e o Consello da Cultura Galega.

A xornada arrancará ás 17:45 coa proxección presentada do último filme de Lamas, Extinction. A obra, Premio especial Las Nuevas Olas No Ficción no Festival de Sevilla, lévanos a Transnistria, un estado non recoñecido que se separou da antiga República Socialista Soviética de Moldavia en 1990. A película é unha xustaposición casual do elevado co banal, cunha lóxica de paradoxo desacougantemente convincente.

Ao remate do pase, sobre as 19:45 horas, terá lugar a segunda cita da xornada, coa presentación na libraría da obra Extraction: The raft of the Medusa, unha meditación sobre o redeseño masivo do planeta por parte da humanidade e un panfleto distópico sobre o Antropoceno.

Salomé Lamas (1987, Lisboa) estudou cinema en Lisboa e Praga e artes visuais en Amsterdam. Agora está a facer o doutoramento en estudos de cinema en Coimbra.

É autora de The Community (2012), Encounters with Landscape 3x (2012), VHS: Vídeo Home System (2010-2012), Theatrum Orbis Terrarum (2013), Lle Boudin (2014), The Tower (2015) e Mount Ananea (5856) (2016) entre outros proxectos. A súa ópera prima Terra de Ninguém (Non man's land) estreouse internacionalmente na Berlinale (Froum) e tivo distribución por salas e DVD en Portugal, Francia e España. É autora doutras dúas longametraxes: Eldorado XXI (2016) e Extinction.

O seu traballo foi premiado e programado tanto en centros de arte como festivais de cinema como NIMK Netherlands Instituut voor Mediakunst, Calouste Gulbenkian Foundation, BAFICI, Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia, Mar da Prata Filme Festival, FIAC, Rome Filme Festival, MNAC National Museum of Contemporary Art - Museu do Chiado, DocLisboa, Documenta Madrid, MoMA´s International Festival of Nonfiction Filme, Guggenheim Bilbao, Pacific Filme Arquive - Berkeley University, Harvard Filme Arquive, Museum of Moving Images NY, Jewish Museum NY, Fid Marseille, Arsenal Institut fur filme und videokunst, Cinema du Reel, CalArts, UCLA Hammer Museum, Serralves Contemporary Art Museum, A Casa Acesa, CPH:DOX, Centre d´Art Contemporain Genève, Bozar - Centre of Fine Arts, TABAKALERA, Lles Rencontres Internationales - Nouveau Cinema et Art Contemporain etc.

Colabora coa produtora O Som e a Furia. Lamas foi premiada coa bolsa da Rockefeller Foundation- Bellagio Center, Bogliasco Foundation, a MacDowell Colony, a Yaddo, DAAD Berliner Künstlerprogramm, etc.

Podedes atopar máis información na súa web.