Libraría

Sete balas da guerra civil española, segunda peza de "Fóra dos Museos"

A partir do martes 17 de abril a Libraría NUMAX custodiará sete proxectís Mauser atopados nun solar que fora campo de concentración franquista en Iria Flavia. Da man da pregunta Onde gardamos a memoria? conforman a peza que substitúe o fragmento de mosaico romano exposto durante un mes na vitrina da actividade Fóra dos museos. Trátase dun percorrido singular arredor de seis pezas únicas provintes de museos e coleccións privadas que convidan á reflexión sobre o papel destas institucións en Galicia.

Aparecidas nunha escavación en 2003 que se realizou nun solar en Iria Flavia (Padrón) previa á urbanización do mesmo, as sete balas Mauser foron enviadas ao Museo das Peregrinacións e de Santiago para a súa custodia. Este solar estaba baixo protección especial por atoparse preto de varios elementos patrimoniais e dun Ben de Interese Cultural (BIC), a Colexiata de Iria Flavia. A finca fora tamén ocupada pola Azucreira, unha fábrica fundada en 1899. Durante a escavación non se atoparon outros restos contemporáneos reseñábeis, si material castrexo e romano. Pero é probable que os arqueólogos que decidiron preservalas souberan que ese solar fora durante a guerra civil española un campo de concentración. A vila de Padrón e o tren foron neses anos estratexicamente vitais: ata alí podían levar os presos capturados na fronte norte da Península e redistribuílos a outras zonas de Galicia.

Xa que logo, todo apunta a que as balas atopadas pertencían á maquinaria de represión do campo que, segundo os testemuños, era dos máis duros de Galicia (as malleiras, por exemplo, eran diarias e sistemáticas). A vixilancia exercíana varios mandos, unha guarnición de soldados e a Guarda Civil. A munición atopada, datada no ano 1937, empregábase con distintos modelos de fusís Mauser e con metralladoras Hotchkiss.

Solar da Azucreira na actualidade. Iria, Padrón. 2018. Foto: María Esteirán.

O martes 17 de abril ás 20:00 chegarán as balas a NUMAX, substituíndo na nosa vitrina de Fóra dos Museos a peza que inaugurou a actividade: un fragmento do mosaico romano da Cigarrosa (Ourense). Para falar desta segunda peza, e de máis cousas, convidamos a María Esperanza Gigirey Liste, directora do Museo das Pereginacións e de Santiago, que xunto á comisaria da actividade, Sabela L. Pato, tentará dar resposta á pregunta que iniciará a conversa: Que acontece coa memoria material da guerra e da posterior represión? É probábel que tras esta pregunta xurdan outras como: Por que están estas balas no Museo das Peregrinacións e de Santiago e que difusión poden ter nun museo onde o persoal técnico está especializado noutro tipo de pezas? Que institucións se encargan deste tema en Galicia? Estase a recoller a memoria histórica nos museos galegos? E por suposto coñeceremos de primeira man cal é a misión do Museo da Peregrinacións e de Santiago e cal é a súa actividade como institución de referencia arqueolóxica.

Unha conversa e moitas preguntas dentro de NUMAX

“Fóra dos museos” é unha actividade comisariada pola investigadora Sabela L. Pato centrada nos museos galegos. A partir dunha escolma de seis pezas interrógase sobre a súa orixe, as súas problemáticas e o tipo de obxectos que custodian e exhiben. Que repertorios caracterizan o sistema museal galego? Por que outros carecen de presencia? Que acontece, por exemplo, coa arte do exilio e cos testemuños materiais da represión franquista? E historicamente, en que modo contribuíron os museos á formación do sistema cultural galego? Na súa actual configuración: a que horizontes responde?

As seis pezas escollidas amosaranse sucesivamente ao longo de 8 meses. Foron escollidas en base á súa relación co sistema museográfico galego. Para que isto teña sentido, o inicio de cada exhibición acompáñase dunha conversa. Debater e difundir as problemáticas asociadas ao sistema museográfico galego é un dos eixos centrais do proxecto. Quen habita en nós? Que acontece coa arte do exilio, Que facemos coa Virxe e E o noso patrimonio industrial? son os lemas baixo os cales se exhibirán as catro seguintes pezas. A Libraría NUMAX seguirá acolléndoas no espazo expositivo habilitado para a ocasión e acompañaraas da intervención de persoas expertas ou técnicas dos museos colaboradores desta actividade (Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, do Museo das Peregrinacións e de Santiago, do Museo Massó, da Fundación Barrié, do Museo do Pobo Galego e do Museo de Pontevedra). "Fóra dos museos" conta ademais co apoio de Cultura da Deputación da Coruña.

Descarga AQUÍ a folla de sala #02 As sete balas de Iria Flavia

Descarga AQUÍ a bibliografía empregada