Libraría

Aser Álvarez presenta o libro-dvd «Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro»

O cineasta Aser Álvarez visita a Libraría NUMAX o mércores 18 de xullo ás 20:30 para presentar o libro-dvd Sísifo confuso (Arraianos Pro), documental que percorre o traballo artístico de Francisco Leiro. Álvarez estará acompañado do artista Plácido Romero e a autora da banda sonora do filme, Lucía Martínez.

Sísifo confuso artéllase como un documental sobre os traballos e os días de Francisco Leiro (Cambados, 1957) mais non pretende ser unha biografía nin tampouco unha presentación da súa obra, senón simplemente mostrar cales son as condicións físicas e mentais do proceso de creación deste escultor na actualidade. É a primeira vez que unha equipa de rodaxe entra nos seus lugares de traballo e realiza un seguemento do seu proceso creativo.

Francisco Leiro, fillo de canteiros, iniciouse na escultura de maneira autodidacta, influído pola imaxinaría popular galega. Trasladouse do seu Cambados natal a Santiago de Compostela onde estudou na Escola de Artes e Oficios. Posteriormente viaxa a Madrid onde asiste a clases de debuxo e modelado na Escola de Belas Artes de San Fernando. Durante os anos setenta fixo parte do grupo Forga e a súa escultura foi influída polo surrealismo. Nos oitenta participa no colectivo Atlántica que aglutina a artistas que renovaron as artes plásticas galegas como Menchu Lamas, Antón Lamazares ou Antón Patiño entre outros. Tras expoñer en Italia e Francia, en 1990 presenta a súa obra na Marlborough Gallery de Nova York, onde reside desde 1988.

Aser Álvarez (Ourense, 1976) é Licenciado en Políticas e Xornalismo e director do Festival Internacional de Cine Carlos Velo. Dentro da compañía Arraianos Producións, da que é socio, realizou o documental 100%CEF, Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental e Premio Especial no Festival de Cine de Bucarest. Sísifo confuso é o seu traballo máis recente.

Resultado de imaxes para aser alvarez