Cinema

Retrospectiva Jean-Marie Straub & Danièle Huillet, de febreiro a agosto de 2018

O Cinema NUMAX e o Museo Nacional de Arte Reina Sofía organizan unha amplísima retrospectiva dos cineastas Jean-Marie Straub & Danièle Huillet, cuxa obra constitúe un dos proxectos fílmicos máis coherentes e relevantes do século XX. O ciclo, comisariado por Chema González e Manuel Asín, componse de 15 sesións, nas que se proxectarán un total de 37 filmes, todo eles en copias DCP VOSE restauradas coa supervisión de Jean-Marie Straub e distribuídas por Belva Film.

Baixo o título Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Facer a revolución é volver poñer no seu sitio cousas moi antigas pero esquecidas terá lugar no Cinema NUMAX unha importantísima retrospectiva de dous autores esenciais para o cinema e o pensamento contemporáneos. A obra de Straub e Huillet esculca de maneira única na relación do cinema con outras disciplinas, como a literatura, a música, a pintura ou a filosofía, principais fontes dos seus filmes. Artistas e pensadores da talla de Cézanne, Mallarmé, Schoenberg, Bach, Böll, Pavese, Brecht ou Duras son postos en escena de maneira maxistral polos directores franceses, defendendo a súa visión do cinema como ruptura e revelación, como forma artística capaz de irrumpir de maneira política no presente. Toda a información relativa ao ciclo irase actualizando no apartado específico da nosa web: https://numax.org/cinema/festival/retrospectiva-straub-huillet

Ademais, do mesmo xeito que o ciclo d´Os ollos verdes, se es estudante da USC poderás obter un crédito pola asistencia ás proxeccións. A Universidade de Santiago de Compostela recoñece con 1 crédito ECTS de 25 horas ás persoas inscritas na actividade que asistan a 12 ou máis proxeccións dun ciclo ou doutro durante o curso académico e que elaboren algún contido específico, cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con calquera aspecto dalgúns dos dous ciclos (un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga algúns dos programas completos de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia ou algún achegamento analítico). Cada entrada para os filmes dos programas para as persoas inscritas será de tarifa única a 5€, calquera día da semana e a calquera hora. A inscrición realizarase na propia billeteira do Cinema NUMAX. Ao retirar a primeira entrada, o/a alumno/a recibe unha tarxeta de inscrición ao seu nome, na que se irá marcando a asistencia a cada unha das sesións.

Tedes a continuación a relación completa de títulos e datas nas que se vai desenvolver unha restrospectiva que arranca o martes 6 de febreiro e terá continuidade (sempre en última sesión dos martes) até o 27 de agosto. Cinema con maiúsculas proxectado integramente en DCP VOSE con copias restauradas coa supervisión persoal de Jean-Marie Straub. Comezamos!

6 de febreiro
Crónica de Anna Magdalena Bach (1967, 93')

20 de febreiro
Machorka-Muff (1962, 18')
Non reconciliados (1964-1965, 55')

13 de marzo
O noivo, a actriz e o chulo (1968, 23')
Othon [ou Os ollos non queren estar sempre pechados ou Talvez un día Roma se permita decidir por si] (1969, 88')

27 de marzo
Leccións de historia (1972, 85')

10 de abril
Introdución a «Música de acompañamento para a escena dun filme» de Arnold Schoenberg (1972, 15')
Moisés e Aarón (1974, 105')

24 de abril
Fortini/Cani (1976, 83')
Toda revolución é unha tirada de dados (1977, 10')

8 de maio
Da nube á resistencia (1978, 105')

22 de maio
Cedo de máis, tarde de máis (1980-81, 100')

4 de xuño
En rachachânt (1982, 7')
Proposta en catro partes (1985, 45')
Pecado negro (1988, 42')

18 de xuño
A morte de Empédocles (1986, 132')

2 de xullo
Cézanne (1989, 51')
Unha visita ao Louvre (2004, 48')

16 xullo
Europa 2005 – 27 outubro (2006, 11')
Joachim Gatti (2009, 2')
Corneille Brecht (2009, 21')
O somma luce (2010, 19')
Chacais e árabes (2011, 11')

30 de xullo
Encantados (2002, 6')
Dolando (2002, 7')
Lorena ! (1994, 21')
O viaxeiro (2001, 5')
O afiador (2001, 7')
O inconsolábel (2011, 15')
A nai (2012, 20')

13 agosto
Un conto de Michel de Montaigne (2012, 33')
Un herdeiro (2011, 22')
A propósito de Venecia (2013, 24')
Diálogo de sombras (2013, 28')

27 agosto
Comunistas (2014, 70')
A guerra de Alxeria ! (2014, 2 min.)
O acuario e a nación (2015, 31')