Libraría

Susana Sánchez Aríns trae a NUMAX o seu relato inédito para o Tac, tac, tac

O mércores 14 de xuño ás 19:30 a escritora arousá Susana Sánchez Aríns escribirá en directo o seu relato para a actividade literaria Tac, tac, tac, que busca a reflexión sobre a experiencia analóxica na produción e lectura do texto literario.

Susana Sánchez Aríns (Vilagarcía de Arousa, 1974) é licenciada nas Filoloxías Hispánica e Portuguesa pola USC e actualmente exerce de profesora de ensino secundario no lES da Illa de Arousa. Participou activamente na dinamización da vida socio-cultural estradense, especialmente nunha longa etapa como integrante da Asociación de Tempo Libre mistura.

Foi gañadora do XXI Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé coa obra [de]construçom, editada por Espiral Maior (2009). Posteriormente publicou aquiltadas (Estaleiro Editora, 2012) e a noiva e o navio (Através Editora, 2012). Tamén ten participado en obras colectivas como Letras nómades. A mobilidade feminina na literatura galega (Frank & Timme) ou o libro de relatos Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (Através). Na actualidade forma parte da plataforma de crítica literaria A Sega.

A escritora arousana é a quinta convidada á actividade literaria Tac, tac, tac deseñada polo escritor Suso de Toro para a Libraría NUMAX. Todos os meses un autor ou autora das nosas letras acude ao espazo da libraría para mecanografar nunha máquina de escribir o seu relato inédito en directo, ao tempo que reflexiona co público asistente sobre o feito da produción, a escritura e a lectura do texto literario. Durante un mes o texto de Sánchez Aríns quedará exposto no escritorio do escaparate instalado para a ocasión.