Tac, tac, tac: un conto ao mes para ler na Libraría NUMAX
Baixo o lema Un conto nun lugar nun límite de tempo o escritor Suso de Toro deseña para a Libraría NUMAX unha orixinal actividade literaria. Unha vez ao mes, un escritor ou escritora do noso panorama literario escribirá a máquina un texto que só poderá ser lido no espazo físico da Libraría. A presentación da actividade terá lugar o mércores 1 ás 20:00 h na Libraría NUMAX coa presenza de Suso de Toro e Margarita Ledo, que falará do seu proceso creativo. A entrada é aberta.
Tac, tac, tac é un proxecto que xorde da colaboración entre o escritor Suso de Toro e a Libraría NUMAX. O escritor será o comisario da proposta Un conto nun lugar nun límite de tempo: unha actividade estábel e periódica que comezará o 1 de febreiro e continuará durante oito meses, ata novembro deste ano.
Participan na actividade un grupo dos escritores e escritoras máis salientábeis do noso panorama literario cunha característica común: comezaron a escribir dentro dun marco «analóxico». Unha vez ao mes cada unha das persoas coas que previamente contactou Suso de Toro escribirán un conto moi breve, da extensión dun folio, nunha antiga máquina de escribir.
A experiencia contén instruccións mínimas: «pódese corrixir con típex ou tachar os erros e corrixir sobre o texto. É ben corrixir a man con lapis ou o que se queira sobre o texto mecanografado. As correccións son o sal que enriquece o texto primeiro».
Margarita Ledo será a escritora encargada de inaugurar esta acción o mércores 1 de febreiro ás 20:00. Unha acción que é, en palabras do propio comisario, «volver facer unha cousa, un folio que sostén palabras escritas, que contén un texto». Este folio ficará exposto durante un tempo limitado nunha xanela da Libraría NUMAX durante o cal ese conto só terá existencia nese folio e só poderá ser lido nese lugar.
O Instituto Rosalía de Castro e Domohomo Arquitectos colaboran na posta en escena (atrezzo) desta actividade, que require dun recanto confortábel e inspirador tanto para o autor ou autora que deixe alí o seu conto como para quen entre na libraría e queira sentarse a ler tranquilamente o texto do mes.
A aura da obra
A acción nace da reflexión do propio de Toro sobre a experiencia do que é ser escritor: «alguén que vive nunha esfera de linguaxe confrontada coa vida e as súas continxencias fóra, no mundo. O mundo virtual da linguaxe en paralelo ao mundo experiencial». Máis ao perto, a intención de Suso de Toro é «darlle unha volta á constatación de Walter Benjamin sobre a perda de aura da obra de arte no tempo da súa reprodutibilidade técnica e, tamén, sobre o valor e o poder da unicidade fronte as reproducións».
Máis ao perto aínda, «vén ser un apelo á memoria e a experiencia de quen escribiu a man, a máquina despois, acompañado da percusión dos tipos que batían na fita de tinta e no papel. A soidade de cando non se escribía só texto sen tacto nunha pantalla senón que se fabricaba unha cousa: un papel tintado. A añoranza da mínima fisicidade do oficio, o estrañar manchar os dedos de tinta e sentir o ruído da nosa ferramenta, o lapis, a péna ou as teclas a bater». «Naturalmente, tamén ten a ver co fetichismo», explica o autor. «O noso desexo creador de cousas sagradas ou ás que lle queremos atribuír carácter máxico».