Libraría

Suso de Toro asinará exemplares da súa última novela o venres 13, Día das Librarías

Este venres 13 unímonos á celebración do Día das Librarías co 5% de desconto en todos os libros e coa sinatura da última novela de Suso de Toro, que xusto chegará á nosa libraría, acabada de saír do prelo, o xoves 12. Entre as 19h e as 20h do venres o escritor estará na nosa libraría.

Achegamos o noso pequeno gran de area á reivindicación das librarías como espazo de encontro coa sinatura da última novela de Suso de Toro, Un señor elegante, que chega a NUMAX este xoves 12 de novembro. O escritor acompañaranos o venres 13, Día das Librarías, entre as 19h e as 20h para asinar exemplares e conversar un bocadiño coas nosas lectoras. Durante todo o día ofreceremos o 5% de desconto en todos os nosos libros, tanto na libraría física como en liña.

O Día das Librarías deste ano estará sen dúbida marcado polas circunstancias sanitarias, polo que nos unimos ao agradecemento polo apoio recibido durante os últimos meses ás librarías e ao desexo de que sigamos desenvolvendo un importante papel tanto no sector do libro como na sociedade, co noso arraigamento nos barrios e a creación de comunidades lectoras.

Promovida pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL ), e co apoio da Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e de Deporte, o Día das Librarías comezou a celebrarse en 2011 coa intención de convocar unha xornada festiva e de portas abertas que servise para fomentar a imaxe das librarías como espazos próximos e modernos, e que contribuíse a dinamizar a venda de libros nunha data próxima ao comezo da campaña de Nadal.

Aínda que ese segue sendo o obxectivo, despois dunha experiencia como a vivida durante o Estado de Alarma co peche forzoso, desde CEGAL destacan a loita das librarías por manterse vivas e activas, dinamizando o tecido social, económico e cultural das súas contornas, e o apoio recibido non só desde o sector, senón desde a sociedade que está a coidar da chamada economía de confianza, ademais de defender o espazo e tempo individuais para a lectura.