Libraría

Suso de Toro presenta «Humildar» na Libraría NUMAX

Continúan as actividades arredor do Día das Letras. Este xoves 18 ás 20:00 tócalle a quenda a Suso de Toro, colaborador habitual da Libraría NUMAX, que presentará o seu último libro Humildar, editado por Xerais.

Imaxe: Mónica Patxot

Humildar naceu da envexa e das soidades de quen perdeu a relixión. Da falta da palabra sagrada e do ritual, da falta da linguaxe. Naceu de quen sabe que o oficio de escribir lle deu confianza no poder das palabras. Fiando nese poder máxico, Suso de Toro ofrece a posibilidade de ordenar as nosas vidas e vivir ritualmente os momentos necesarios, dándolles así sentido e transcendencia: o nacemento, o nome que levamos, a despedida de quen marcha, o casamento, os coidados, os lugares especiais… Estar orfos dun deus obríganos a procurarmos a maxia e o divino necesarios para unha vida ser vivida. Humildar é unha procura.

Suso de Toro é un dos autores máis relevantes da narrativa galega contemporánea. Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, guionista para televisión e colaborador habitual na prensa e na radio, publicou en galego máis de vinte libros de narrativa, teatro e ensaio. De Toro é ademais colaborador habitual da Libraría NUMAX, comisariando ao longo deste 2017 o Tac, tac, tac. No acto intervirán, ademais do autor, Carlos Pajares e Manuel Bragado.