Libraría

Suso de Toro presenta "Fóra de si" na Libraría NUMAX

Suso de Toro volve á narrativa con Fóra de si, novela que vén de publicar Xerais. Este venres 2 de marzo ás 20:00 preséntaa na Libraría NUMAX, acompañado do editor Manuel Bragado.

Segundo adiantou de Toro na presentación da obra á prensa, nun panorama mediático no que a cultura parece non ter un sitio e onde "hai só futbolistas e políticos" chegou a cuestionarse "o sentido da vida como escritor". Máis tarde retomaría de novo a súa carreira narrativa, sen un plan concreto pero con varios proxectos en mente que lle fixeron recuperar a ilusión por escribir. Fóra de si ofrece unha historia sen narrador, contada a través das voces dos seus protagonistas, e na que están presentes os temas recorrentes na narrativa de Suso de Toro, como as relacións entre irmáns e entre pais e fillos, o paso da cidade ao campo, e unha investigación familiar que leva ao protagonista a "un descenso ao pasado, ao Hades, ao país dos nosos maiores”.

A obra preséntanos ao neurocirurxián Ricardo Marzoa, que está sobrepasado tanto na súa vida laboral como familiar, co seu pai enfermo. O protagonista soña cunha nova vida e busca unha catarse e unha resurrección que lle permita cambiar o seu día a día. Na novela plásmase a "construción" e a "crise da masculinidade", segundo sinalou o autor, ademais dunha dialéctica implícita sobre o feminino, as relacións familiares, e a construción/destrución da persoa.