Cinema

Taller sobre memoria colonial coa investigadora filipina Anna de Guia-Eriksson

O xoves 26 de setembro ás 18:30h NUMAX acolle un taller que inclúe a proxección de dous filmes sobre a memoria colonial en Filipinas e un coloquio posterior co público da sala. A sesión será filmada e empregada como material de estudo e divulgación por parte da investigadora Anna de Guia-Eriksson, promotora da actividade. A entrada é gratuíta até completar aforo, con reserva de praza no correo [email protected].

A historia colonial das Filipinas e en concreto a súa relación con España son o foco fundamental de Afterthoughts, o traballo doutoral da investigadora Anna de Guia-Eriksson. Co fin de indagar desde unha pespectiva contemporánea neste legado colonial a través do cinema, a investigadora celebrará no Cinema NUMAX un taller que inclúe a proxección de dous filmes, Ta Acorda ba Tu el Filipinas? (Sally Gutiérrez, 2017) e Umbilical Cord (Angel Shaw, 1998), e un debate posterior que ten como obxectivo abrir unha reflexión colectiva sobre as conceptualizacións locais do colonialismo e a súa conexión coas obras proxectadas.

Esta pesquisa inclúe a proxección de filmes españois e filipinos que abordan o período colonial e sométeos a discusión a través de proxeccións públicas en ambos países. Xa se completou a parte filipina do proxecto e agora toca abrilo no Estado español. Hai uns días celebrouse un primeiro evento no Artium Museoa de Vitoria-Gasteiz e o xoves 26 de setembro ás 18:30h chega a NUMAX.

O taller será filmado e o material resultante utilizarase como parte da disertación da investigadora. As persoas asistentes terán á súa disposición un documento de autorización para o uso das imaxes filmadas que se repartirá o mesmo día do evento. Tamén é posible asistir aos filmes sen participar na interacción posterior.

 

Os filmes

Ta Acorda ba Tu el Filipinas? (Sally Gutiérrez, 2017, 82', VOSE)
Documental que explora as pegadas do colonialismo español en Filipinas, do pasado ao presente. Desde un punto de vista crítico, decolonial e feminista, as sombras do antigo imperio e a actual realidade postcolonial agroman a través da pluralidade da propia linguaxe. Cunha narración non lineal, o proxecto entretece as vidas, as memorias e os espazos de diferentes comunidades: membros de procedencia española que aínda falan o filipino-español ou falantes de Chabacano de Zamboanga, na illa de Mindanao.

Umbilical Cord (Angel Shaw, 1998, 30', VOSE)
A través dun estilo de cinema directo, Shaw explora a relación persoal co seu país, Filipinas a través de enquisas filmadas con xente da rúa sobre o seu concepto do heroe e o papel da muller na historia do seu país. Filmada en espazos históricos de Manila, este filme-ensaio cartografía a historia revolucionaria de Filipinas ao tempo que reflexiona sobre a ausencia de mulleres na súa historia oficial.

A investigadora

Anna de Guia-Eriksson é unha cineasta de Baguio City, Filipinas. A súa obra investiga o legado colonial e a memoria. Os seus filmes proxectáronse en Cinema Rehiyon (Filipinas) e Punto de Vista (España). Tras completar os seus estudos de máster na Elias Querejeta Zine Eskola de Donostia, actualmente cursa estudos de doutoramento na University for the Creative Arts do Reino Unido.