Libraría

A escritora e lingüista Teresa Moure presenta «Linguística escreve-se com A» na Libraría NUMAX

A docente e escritora Teresa Moure presentará o próximo martes 10 de maio ás 20:30 o seu ensaio Linguística escreve-se com A, publicado por Através Editora. A autora estará acompañada pola xornalista e poeta Ana Romaní. A entrada é libre ata completar aforo. 

Os manuais de Historiografía linguística que usamos no século XXI non inclúen ningún nome feminino. Varias xeracións de mulleres conseguiron no pasado acceder a un espazo social con un lugar propio nos estudos de Humanidades. Sería de imaxinar que moitas delas tivesen escollido a Linguística. Filólogas, profesoras de idiomas, tradutoras forman parte deste catálogo de mulleres instruídas e, nese contexto, como é que ningunha delas conseguíu visibilidade como tal nos manuais desta disciplina? Teresa Moure traza en Linguística escreve-se com A (Através Editora), unha historia alternativa e crítica da lingüística, ilustrando a participación das mulleres en oficios e saberes relacionados, como a traducción, a criptografía, a antropoloxía, a primatoloxía, a sociolingüística ou a filosofía da linguaxe. E faino mostrando como esas mulleres, se dedicaron a asuntos considerados "menores" ou marxinais, con planteamentos e procedementos diverxentes aos que marca o canon.

A presentación terá lugar o martes 10 de maio ás 20:30 horas no espazo da Libraría NUMAX, coa presenza da autora acompañada da xornalista e poeta Ana Romaní. A entrada para asistir a este acto é libre ata completar aforo, ademais, a presentación tamén será retransmitida vía streaming a través das nosas redes sociais.

Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) é novelista, poeta, ensaísta, dramaturga e profesora titular de Lingüística Xeral na Universidade de Santiago de Compostela. As súas obras foron traducidas a diversos idiomas obtendo un importante recoñecemento por parte da crítica e do público. Na súa traxectoria investigadora e docente centrouse en universales da linguaxe, ecoloxía lingüística e estudos de xénero. Teresa Moure aborda os valores sociais cun perfil inconformista, crítico e dun profundo interés por contemplar a realidade. Entre as súas obras podemos destacar Herba Moura (Xerais, 2005), Un elefante no armário (Através Editora, 2017), Unha primavera para Aldara (Premio María Casares de teatro), A palabra das fillas de Eva (ensaio que foi Premio da Crítica galega en 2005) ou Sopas New Campbell.