Libraría

Teresa Moure presenta a novela gráfica «Zeca Afonso. Balada do desterro» na Libraría NUMAX

A Libraría NUMAX acollerá o xoves 9 de novembro ás 20:00h a presentación da novela gráfica «Zeca Afonso. Balada do desterro» realizada a catro mans pola escritora Teresa Moure e a ilustradora portuguesa Maria João Worm, editada por aCentral Folque. No evento, unha das autoras, Teresa Moure, estará acompañada pola guitarrista Isabel Rei Samartim e o editor Ramon Pinheiro. A entrada é libre ata completar aforo.

Zeca Afonso é visto, décadas despois, por dúas mulleres. A Teresa Moure, galega, escribe a historia; a Maria João Worm, portuguesa, ilústraa. Ambas senten fascínio por aquel home que cantaba por causas políticas. Mais, entre palabras e siluetas, ambas tecen unha rede para sustentar un Zeca máis íntimo do que habitualmente os seus camaradas lembran. Porque, ás veces, os grandes nomes da historia aparecen no momento correcto e nas circunstancias propicias para seren considerados símbolos, mesmo ao seu pesar. Porén, antes de se tornar o cantante famoso que deu voz á Revolución dos Cravos, o Zeca tamén foi un meniño que creceu en terras africanas, un home que se impregnou nas súas viaxes das cores de moitas terras. Nun concerto na Galiza, onde foi venerado, conversa coa súa amiga Begónia Moa e comeza a desvelar algúns segredos. As súas preocupacións mostran que está feito de carne humana; carne vulnerábel que palpita e dubida, que vibra ao contacto con outras peles e despois teme telas magoado, que persegue dar un sentido á vida. Tamén á morte.