Libraría

Teresa Moure presenta «Sopas New Campbell» en NUMAX

A escritora e profesora Teresa Moure visitará a Libraría NUMAX para a presentación do seu libro «Sopas New Campbell» (Cuarto de Inverno, 2020). O acto celebrarase o próximo martes 6 de xullo ás 19:30 da tarde e nel, a autora, estará acompañada do filósofo e escritor Brais Arribas. 

Teresa Moure aborda neste libro a historia de Nádia, unha muller que traballa cargando armarios, ata que un día atopa no seu un elefante. Esta premisa valeralle á autora para introducir ás persoas lectoras nunha especie de viaxe onírica e nada convencional no que Nádia perde o sentido da súa identidade. Sopas New Campbell é un libro que nos convida a reflexionar para descubrir quen somos e como nos construímos en relacións aos demais. Sobre todo isto falarán na presentación a autora acompañada do filósofo e escritor Brais Arribas. O acto terá lugar o martes 6 de xullo ás 19:30 horas na Libraría NUMAX.

Esta presentación ten prazas limitadas e aconséllase reserva previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Teresa Moure (Monforte de Lemos, 1969) é novelista, poeta, ensaísta, dramaturga e profesora titular de Lingüística Xeral na Universidade de Santiago de Compostela. As súas obras foron traducidas a diversos idiomas obtendo un importante recoñecemento por parte da crítica e do púbico. Na súa traxectoria investigadora e docente centrouse en universales da linguaxe, ecoloxía lingüística e estudos de xénero. Teresa Moure aborda os valores sociais cun perfil inconformista, crítico e dun profundo interés por contemplar a realidade. Entre as súas obras podemos destacar Herba Moura (Xerais, 2005), Un elefante no armário (Através Editora, 2017), Unha primavera para Aldara (Premio María Casares de teatro), A palabra das fillas de Eva (ensaio que foi Premio da Crítica galega en 2005) ou Sopas New Campbell.