Libraría

Thayane Gaspar Jorge presenta «Nossa concha de retalhos» na libraría NUMAX

A escritora brasileira Thayane Gaspar Jorge estará o venres 16 de setembro ás 20:00h na Libraría NUMAX para presentar a súa novela «Nossa concha de retalhos» editada por Menino Morreu. No acto a autora estará acompañada da poeta Arancha Nogueira e do editor Ângelo Pineda. A entrada é libre ata completar aforo.

Nossa concha de retalhos é a historia de desamor da Coralina e do Nuno, dous amantes brasileiros na cidade de Santiago de Compostela. Esta é a base para un exercicio de estilo apoiado na prosa poética, que se atreve a dialogar cos personaxes e o lector, nunha conversa que invoca referentes culturais e literarios de ambas marxes do Atlántico e que atende ás conexións entre a Galiza e o Brasil. Esta novela é xunto a Outono aquí, de Mario Regueira, o comezo da colección "Lenda Urbana" da recén creada editora Menino Morreu. Unha colección orientada á narrativa contemporánea e urbana galega, lusófona ou de ámbitos culturais referenciais na nosa cultura. No acto de presentación, a escritora Thayane Gaspar Jorge estará acompañada pola poeta Arancha Nogueira e polo editor Ângelo Pineda. Será o próximo venres 16 de setembro ás 20:00h da tarde no espazo de Libraría. Para asistir non é preciso reservar praza, a entrada é libre ata completar aforo.

Thayane Gaspar Jorge naceu no Rio de Janeiro en 1992. É xornalista e doutoranda en Ciencia da Literatura pola Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ). Imparte aulas de Cultura, Lingua e Literatura Galegas na mesma universidade ademais de administrar o blog "Sempre Alba" destinado á difusión da cultura galega no Rio. Anteriormente a Nossa concha de retalhos, publicou os romances Princesa de Gelo (2012) e Mitral: o esconderijo do mundo (2013), ambas na Editora Modo Tradicional.