Cinema

Últimos días para o envío de candidaturas ao 27 Times Cinema

Tes entre 18 e 25 anos? Gústache comunicar a túa paixón polo cinema? Dominas o inglés? Se cumpres estes requisitos aínda estás a tempo de enviar a túa candidatura ao 27 Times Cinema, unha iniciativa coa que podes ser Xurado do Festival de Venecia con todos os gastos cubertos. Tes até este domingo 31 de maio. Participa!

Por terceiro ano consecutivo, NUMAX é unha poucas salas españolas elixidas pola rede Europa Cinemas para a selección de candidaturas ao 27 Times Cinema, unha estupenda iniciativa que permite a 27 mozos e mozas doutros tantos países comunitarios viaxar ao Festival de Venecia cos gastos cubertos para ser parte do xurado da sección Giornate degli Autori, caracterizada pola diversidade e dinamismo das súas propostas. Unha oportunidade magnífica para coñecer desde dentro o funcionamento dun dos festivais de cinema máis importantes do mundo, desenvolver as túas capacidades para falar e escribir sobre cinema e coñecer xente moza amante do cinema doutras partes de Europa.

Que tes que facer? É moi doado!

  • Envía un videoselfie en inglés no que expliques que é para ti o cinema. O vídeo debe comezar pola frase: "Cinema for me is..." e ten que incluír o teu nome e país de orixe. O vídeo ten que estar gravado en Full HD (1920x1080) con excelente calidade de audio e ter unha duración de 30 segundos. Valorarase a calidade e creatividade do vídeo e o dominio do inglés. Tes estupendos exemplos na canle de vimeo da actividade onde, entre outras, podes atopar a candidatura de Jesús Silva Vilas, embaixador español no Festival seleccionado por NUMAX.
  • Cubre o formulario de inscrición e descarga o pdf coas respostas: https://form.jotformeu.com/EuropaCinemas/27TCForm2020
  • Envía por wetransfer o vídeoselfie xunto co formulario de inscrición en pdf ao correo [email protected]
  • Prazo de envío de candidaturas: Até o domingo 31 de maio incluído.


Finalizado este prazo desde NUMAX seleccionaremos tres candidaturas que serán remitidas a Europa Cinemas, LUX Film Prize e Giornate degli Autori onde farán a selección final.

A persoa finalmente elixida como embaixadora de España no 27 Times Cinemas comprométese a:

  • Estar presente en Venecia do 1 ao 13 de setembro de 2020. O Parlamento Europeo cobre a viaxe e o aloxamento, Europa Cinemas faise cargo da manutención e Giornate degli Autori facilita a acreditación.
  • Ser xurado dos filmes a competición en Giornate degli Autori cunha acreditación de acceso prioritario ás proxeccións da sección.
  • Participar en mesas redondas, debates, masterclass e talleres para mellorar as destrezas comunicativas como influencers e animadores en redes.
  • Contribuír á web e redes sociais de Europa Cinemas.
  • Participar nos meses seguintes ao festival nos eventos de difusión do LUX Prize - European Audience Film Award, que terán lugar principalmente entre os meses de xaneiro a maio de 2021.

Organizan Europa Cinemas, Giornate degli Autori, LUX Prize - European Audience Film Award, Parlamento Europeo e o Cinema NUMAX