Librería

Vídeo resumo da conferencia performativa de Suso Fandiño «Os pintores da vida moderna. A cultura de masas nas orixes das vangardas»

Velaquí o segundo vídeo resumo dos Discursos en acción, un ciclo organizado pola Libraría NUMAX que buscaba o intercambio e a reflexión do público coa arte fóra dos contextos ou contedores artísticos tradicionais. Así foi a conferencia performativa do artista Suso Fandiño, «Os pintores da vida moderna. A cultura de masas nas orixes das vangardas». Co apoio da Área de Cultura da Deputación de A Coruña e comisariado por Performa, Discursos en acción converteu NUMAX nun espazo onde ensaiar propostas entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual. O vídeo está tamén dispoñíbel na nosa canle de Youtube.

Os momentos previos á aparición das vangardas, nas últimas décadas do século XIX, correspóndense cun período de grandes avances en tódolos campos. Un territorio fértil en cambios no cal o vello non rematou de morrer mentres o novo sinónimo inseparable do moderno, ademais de ter nacido, popularizou os seus progresos ata o inimaxinable. Os futuros vangardistas, aínda nenos, abren literalmente os ollos nunha sociedade onde a produción de imaxes, antes reservada en exclusiva a un grupo minoritario, os artistas, convive agora con unha industria capaz de proporcionalas e distribuílas masivamente. Estas, e non outras, son as imaxes transitorias, fugaces e continxentes que Baudelaire tiña reservado para os pintores da vida moderna.

Suso Fandiño é Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como docente na Facultade de Belas Artes da Universidade de Pontevedra e no ensino secundario e imparte cursos e conferencias en relación á arte contemporánea como o curso Quen teme a arte contemporánea? Aproximacións e afastamentos ás prácticas artísticas do século XX impartido no CGAC (2019). A súa traxectoria desenvólvese a medio camiño entre a docencia e a práctica artística. Nesta última consegue utilizar todos os medios ao seu alcance para desenvolver unha obra na que mestura elementos pictóricos, a fotografía, o uso do vídeo e a instalación. Propón actuacións que tratan cuestións relativas ao propio traballo artístico, á crítica institucional e á apropiación. A súa obra foi exposta no CGAC (Santiago de Compostela), DA2 (Salamanca), MARCO (Vigo), Fundación Barrié (A Coruña) ou o Goethe Institute (Frankfurt), ademais de en galerías como Ad Hoc, T20, Trayecto ou a norteamericana Maus Contemporary e feiras de arte como ARCO, LOOP, Art Lisboa, Paper Positions Berlín, Liste Art Fair e Drawing Now París, entre outras. O seu traballo forma parte de importantes coleccións públicas e privadas españolas e internacionais como a Colección CGAC, a Fundación Coca-Cola, a Fundación Barrié ou a Jan Michalski Fondation. A súa serie Vous etês ici sobre o conflicto sirio recibiu en 2016 o máximo galardón no 24 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.