Cinema

«Vindecine», o tempo de Martín Códax a través de sete filmes

Bota a andar Vindecine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual, un ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia que acompaña a exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia. O ciclo desenvolverase no Cinema NUMAX do 4 de decembro de 2017 ao 19 de febreiro de 2018 cun total de sete obras que nos trasladarán ao Medievo, o tempo do poeta Martín Códax.

As proxeccións de Vindecine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual arrancan o luns 4 de decembro coa irreverente ollada do cineasta francés Bruno Dumont cara á figura de Xoana de Arco en Jeannette, l'enfance de Jeanne d'Arc. A este filme seguiranlle outros seis que, cada un ao seu xeito, interpretan a Idade Media. Filmes sobre a historia da arte como Maestà; os relatos de cabaleiría en Little Crusader; a influencia da Divina Comedia de Dante en La academia de las musas; o medievo a través da ciencia ficción en Que difícil é ser un deus; e Os contos de Canterbury, obra clave da triloxía da vida de Pasolini.

Todos os pases terán un único pase e entrada gratuíta até completar aforo e poderanse retirar os convites na billeteira de NUMAX desde o día anterior a cada proxección. Deixamos a continuación a táboa completa de filmes, datas e horas.

Luns 4 de decembro | 21:30
Jeannette, l'enfance de Jeanne d'Arc (Bruno Dumont, 2017)

Luns 18 de decembro | 21:00
Maestà (Andy Guérif, 2015)

Luns 8 de xaneiro | 21:30
Little Crusader (Václav Kadrnka, 2017)

Luns 22 de xaneiro | 21:30
La academia de las musas (José Luis Guerín, 2015)

Luns 5 de febreiro | 21:30
Que difícil é ser un deus (Aleksey German, 2013)

Luns 19 de febreiro | 21:45
Os contos de Canterbury (Pier Paolo Pasolini, 1972)