Cinema

Estrea de «A virxe roxa» con presentación e coloquio do seu autor, Marcos Nine

Continúa a chegar á nosa pantalla o máis talentoso cinema galego contemporáneo. Marcos Nine presenta o sábado 22 ás 19:30 A virxe roxa na que recupera a incrible historia de Aurora Rodríguez Carballeira e a súa filla Hildegart. O filme terá pases diarios desde o venres 21.

O 9 de xuño de 1933, un crime convulsionou a opinión pública española: a ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira matou a tiros a súa propia filla, Hildegart, unha brillante e reputada intelectual, mentras esta durmía. A moza, con só dezaoito anos, era unha das mulleres máis destacadas da Segunda República española. Publicou varios libros sobre educación sexual e o papel da muller na sociedade moderna, foi xonalista e membro do partido socialista.

O director galego Marcos Nine (A Illa de Arousa, 1977) achégase a esta incrible historia valéndose dunha linguaxe audiovisual de gran creatividade, enriquecida polas ilustracións de Alberto Taracido e a poderosa banda sonora de Arturo Kress. Para a voz en off Nine contou coas voces dun elenco experimentado, encabezado polo actor Antonio Durán “Morris” e as actrices María Vázquez e Nerea Barros.

Tras inaugurar o festival Novos Cinemas de Pontevedra e competir na SEMINCI de Valladolid, A virxe roxa encontrarase co público compostelán na pantalla de NUMAX desde o venres 21 de xaneiro. O sábado 22 ás 19:30 o pase contará con presentación e coloquio a cargo de Marcos Nine e dos produtores Chema Gagino e Amalia Mato, da compañía coruñesa Recrea Films.