Cinema

O son dos carros de bois, Matthew Herbert e Éliane Radigue nos filmes do WOS Festival

Un ano máis somos sede do programa de cinema do WOS Festival, con dúas sesións o sábado 10 e domingo 11 de setembro. O festival compostelán de referencia para a cultura alternativa e de vangarda achegaranos a músicos de culto como Matthew Herbert e Éliane Radigue e traerá á nosa sala ao director Xabier Erkiza para presentar unha obra de experimentación audiovisual sobre o son que emiten os carros de bois.

Estamos moi felices de facer parte un ano máis do WOS Festival, un dos eventos máis suxestivos da nosa cidade cuxa programación de cinema corre a cargo do socio de NUMAX Marcos Flórez. A proposta deste 2022 componse de tres pezas repartidas en dúas sesións con visita de cineastas e máis sorpresas. Velaquí o programa:

Sábado 10 de setembro | 16:00 | Échos / O gemer
A primeira das citas arranca coa curtametraxe Échos, un sentido retrato da pioneira Éliane Radigue, a quen xa coñecéramos na edición de 2021 en Sisters with Transistors. A continuación proxectase O gemer, unha orixinalísima creación experimental de Xabier Erkiza sobre a viaxe xeográfica e histórica do peculiar son dos carros de bois. Ademais teremos a sorte de contar co creador vasco para ofrecer presentación e coloquio do filme.

Domingo 11 de setembro | 16:00 | Symphony of Noise
O director asturiano Enrique Sánchez Lansch asina este filme-viaxe co revolucionario músico e compositor británico Matthew Herbert, coñecido polas súas excelentes pezas que combinan música derivada de sons da vida real con temas politicamente sensibles. No filme, o público experimenta directamente como Herbert crea música a partir de sons e ruídos cotiáns.