Cinema

Pioneiras da música electrónica no WOS Festival en NUMAX

Un ano máis NUMAX acolle a programación cinematográfica do WOS x SON Estrella Galicia, celebración anual da cultura alternativa e de vangarda. A aposta fílmica desta edición inclúe dous filmes que nos falan de mulleres pioneiras fundamentais para a música electrónica que, nas súas proxeccións, contarán con presentación e coloquio das súas autoras especialmente convidadas para a ocasión: Lisa Rovner e Caroline Catz.

Sábado 11 de setembro | 16:00
Sisters with Transistors (Lisa Rovner, 2020, Reino Unido, 84')
Mulleres como Eliane Radigue, Clara Rockmore, Daphne Oram, Bebe Barron, Maryanne Amacher, Wendy Carlos ou Laurie Spiegel son fundamentais para entender o mundo musical na actualidade. Sisters with Transistors é unha película documental sobre as pioneiras na música electrónica. Historias que destapa a directora británica Lisa Rovner e que explican como producimos e consumimos música hoxe en día. Narrada por Laurie Anderson, a película profundiza nesa outra historia da música electrónica e o papel fundamental, pero pouco coñecido, que desempeñaron as mulleres neste campo. A sesión contará con presentación e coloquio a cargo da directora Lisa Rovner, que viaxará a Compostela para a ocasión. Esta proxección celébrase en colaboración co Festival Curtocircuíto.

A directora: Lisa Rovner é unha artista e cineasta afincada en Londres. Todos os seus proxectos, que van desde curtametraxes ata videoclips, anuncios e exposicións de arte, están unidos pola súa fascinación polos arquivos, o son e a súa aspiración subxacente de transformar a política e a filosofía en cinema. Rovner colaborou con algúns dos artistas e marcas máis respectados, como Piere Huyghe, Liam Gillick, Sebastien Tellier, Maison Martin Margiela e Acne. Sisters with Transistors é a súa primeira longametraxe documental.

Domingo 12 de setembro | 16:00
Delia Derbyshire: The Myths and the Legendary Tapes (Caroline Catz, 2020, Reino Unido, 98')
Película que explora a vida e a inmensa produción creativa de Delia Derbyshire, unha das mulleres pioneiras da música electrónica. Dirixido por Caroline Catz, está construído con material de arquivo, entrevistas e recreacións dramáticas. A estrea en España do filme contará con presentación e coloquio a cargo da directora Caroline Catz que viaxa a Compostela especialmente para a ocasión.

A directora: Caroline Catz é unha actriz, guionista e directora británica con trinta anos de experiencia diante das cámaras. Destacou especialmente pola súa interpretración en series de televisión como All Quiet on the Preston Front, The Bill, Murder in Suburbia ou Doc Martin. Delia Derbyshre: The myths and the Legendary Tapes é a súa primeira longametraxe na súa faceta como directora.