«WOS Cinema x NUMAX», do 6 ao 8 de setembro
Por terceiro ano consecutivo o Cinema NUMAX participa no WOS Festival, celebración anual da cultura alternativa e de vangarda que inclúe un interesantísimo programa de proxeccións os días 6, 7 e 8 de setembro.
O WOS Cinema x NUMAX dá nome a un ciclo de proxeccións programado por Marcos Flórez, que poñen en relación a música e o cinema máis arriscados e anovadores. O programa para este 2017 inclúe clásicos do cinema español, filmes de estrea, presentacións cos autores, coloquios e moito máis. Deixamos a continuación relación dos filmes proxectados, que podedes consultar no apartado específico dedicado ao festival na nosa web: https://numax.org/cinema/festival/wosfestival
* Mércores 6 de setembro | 20:00: Mientras el cuerpo aguante (Fernando Trueba, 1982)
Documental sobre a vida do cantautor e filósofo Chicho Sánchez Ferlosio, fillo do escritor falanxista Rafael Sánchez Mazas e irmán do escritor Rafael Sánchez Ferlosio. Un achegamento á vida de Chicho e a súa compañeira Rosa a través das súas cancións de resistencia antifascista, autonomía e independencia.
* Xoves 7 de setembro | 20:00: Tony Conrad: Completely in the Present (Tyler Hubby, 2016)
Utilizando gravacións íntimas de Conrad rodadas durante os últimos vintedous anos, así como o seu propio arquivo, esta obra reflicte o propio enfoque radical do autor cara á práctica artística. Tony Conrad foi un dos grandes artistas norteamericanos do seu tempo, pero para o mundo en xeral segue a ser bastante descoñecido.
*Presentación e coloquio a cargo do produtor do filme, Paul Williams.
* Venres 8 de setembro | 17:45: Rage (A Movie about Acid Music) (Guy-Marc Hinant, Dominique Lohlé, 2017)
Un filme sobre a música Acid Techno, o anarquismo, o sintetizador Roland TB-303, as festas rave, a desorde, o instinto de vida e de morte, as sociedades secretas e o caos, a infancia, o ruído, o pracer de facer música e escoitala, a violencia e como responder a ela con violencia. O amor.
*Presentación e coloquio a cargo de Servando Rocha e o director do filme, Guy-Marc Hinant