Libraría

Xesús Fraga presenta «Virtudes (e misterios)» en NUMAX

O xornalista e escritor Xesús Fraga visitará a Libraría NUMAX para presentar e firmar exemplares do seu último libro Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020), galardoado o pasado mes de outubro co Premio Nacional de Narrativa 2021. No acto, que terá lugar o próximo mércores 10 de novembro ás 20:00h, o autor estará acompañado da escritora Marilar Aleixandre.

O xurado do Premio Nacional de Narrativa 2021 que concede o Ministerio de Cultura seleccionaba Virtudes (e misterios) de Xesús Fraga “por mostrar con una prosa muy cuidada, en el fondo y en la forma, la historia de dos generaciones de mujeres valientes de una familia en tiempos hostiles, y adentrarnos en un relato sobre la emigración gallega en Inglaterra y América”. Este libro combina diferentes xéneros -novela, crónica e diario- para contarnos a historia da súa familia (e sobre todo das mulleres da súa familia) marcada profundamente pola migración na segunda metade do século XX. En Virtudes (e misterios) conviven a soidade, o desarraigo e a desazón que provocan as preguntas sen resposta, para tratar un tema que case toda familia galega viviu dun xeito máis ou menos directo. De todo isto falarán no acto de presentación o próximo mércores 10 de novembro ás 20h00 o autor xunto á escritora Marilar Aleixandre. 

Xesús Fraga estará firmando exemplares da novela a partir das 19h00 por orde de chegada e respectando o aforo da Libraría. Ás 20h00 terá lugar a presentación para a cal é preciso reservar praza no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das nosas redes sociais en Facebook e Instagram Live (@numaxcoop).

Xesús Fraga naceu en Londres en 1971 pero dende moi neno viviu na Coruña e logo en Betanzos. Estudou xornalismo na Universidade de Salamanca e traballa dende hai moitos anos no xornal La Voz de Galicia. Entre súas obras destacan o conxunto de relatos A-Z, a novela Solimán e a narración xuvenil Reo. Como tradutor trouxo para o galego libros como Lolita, de Vladimir Nabokov (Faktoría K de Libros), ou Arthur & George e O sentido dun final, ambos de Julian Barnes (Rinoceronte). En 2019 gañou o Premio Blanco Amor de novela con Virtudes (e misterios), libro que presentará en NUMAX, e que foi galardoado o pasado mes de outubro co Premio Nacional de Narrativa.