'Xuventude imbécil' e 'La prueba del once', as presentacións desta semana na libraría NUMAX

Este xoves 19 ás 19:00 horas Os Novos presentan o libro de poemas Xuventude imbécil. O venres 20 ás 20:00 horas Antón García presenta a antoloxía de poesía en lingua asturiana La prueba del once

Esta semana contaremos en NUMAX con dúas presentacións de poesía.

O xoves ás 19:00h Os Novos (Súxes, Nuno e Brais) convídannos a participar como espectadores nunha serie de "Actos fúnebres" nos que se mesturarán o humor e a lectura de poemas en vivo canda a algunhas pezas audiovisuais arredor do libro que veñen de autoeditar: Xuventude imbécil.

O venres ás 20:00 presentamos a antoloxía La prueba del once (Ediciones Saltadera 2015) da man do seu editor, Antón García.

La prueba del once reúne as voces de once poetas novos (homes e mulleres) nados entre 1980 e 1993, representantes da última poesía escrita en asturiano. Acompañarannos e recitarán poemas: Pablo X. Suárez, Laura Marcos e Iván Cuevas, quen ademais contribuíu ao volume cunha bibliografía que mapea o estado actual das letras asturianas.