Cinema

Encontro A cor das palabras con Pablo Gil Rituerto, director de «La marsellesa de los borrachos»

O primeiro encontro A cor das palabras de 2025 ten como convidado a Pablo Gil Rituerto e a súa película documental La marsellesa de los borrachos, que segue os pasos dunha viaxe clandestina realizada en 1961 polo grupo Cantacronache que recolleu cancións populares de resistencia en pleno franquismo. A aula, co título Historia a contrafío: montaxe, memoria e relato, terá lugar o sábado 1 de marzo ás 12:00h con acceso gratuíto até completar aforo. Tamén haberá presentación da película na sala e actuacións de Faia e O Leo na Libraría.

Durante o verán de 2022 un equipo de rodaxe, comandado por Pablo Gil Rituerto, percorre as estradas e as vilas do norte de España. Refán a viaxe do grupo Cantacronache formado por sete etnomusicólogos italianos que, no verán de 1961, en plena ditadura, emprenderon a misión recompilar cancións populares de resistencia e sacalas de España. As gravacións inclúen interpretacións a capela de cancións populares así como testemuños da vida baixo a ditadura e poemas orixinais escritos por algúns dos informantes. Son cancións urxentes, mordaces e precisas, interpretadas por obreiros, estudantes, camareiros, taxistas, labregos, pescadores... e tamén algúns dos máis grandes intelectuais e poetas da época. Un ano despois da viaxe, Cantacronache publica o libro Canti della nueva resistenza spagnola e Manuel Fraga mobilizou a prensa da época para desacreditar a publicación tachándoa de ser A Marsellesa dos borrachos.

60 anos máis tarde e co gallo da dixitalización das cintas en Turín, Pablo Gil Rituerto emprende a filmación da película. Guiado polas cancións, os escritos e as fotografías da época, o filme actualiza a viaxe polas estradas da España contemporánea e grava a reinterpretación daquelas cancións a cargo de músicos novos, entre os que se encontran os galegos Faia Díaz Novo e O Leo. A través do prisma da memoria oral e dos arquivos sonoros, as dúas viaxes dialogan nunha xeografía emocional e política dun territorio no que as feridas do franquismo seguen abertas. O filme foi estreado na Seminci de Valladolid, premiado no In-Edit de Barcelona e a montaxe foi realizada no Laboratorio NUMAX por Marcos Flórez, socio da cooperativa, xunto co propio Pablo Gil.

A visita de Gil Rituerto a NUMAX terá dúas paradas fundamentais. O venres 28 de febreiro ás 19:30h ofrecerá presentación e coloquio do pase de estrea de La marsellesa de los borrachos para o que xa podes reservar entrada en web ou billeteira. Antes, á volta das 19:00h, Faia e O Leo interpretarán nas instalacións da Libraría NUMAX cancións que soarán na película. O acceso a estas actuacións é libre e gratuíto.

O sábado 1 de marzo ás 12:00h poderemos coñecer de primeira man o proceso  de investigación e creación do filme no encontro A cor das palabras que ofrecerá o director e que leva por título Historia a contrafío: montaxe, memoria e relato. O encontro ten unha duración estimada de 2 horas e acceso libre e gratuíto até completar aforo, se ben podes reservar praza a través do correo [email protected].

Para ir abrindo boca, Pablo Gil achegounos unha lista de libros e filmes que foron importantes na concepción da súa película, e que compartimos desde o Blog da nosa Libraría.

O director

Pablo Gil Rituerto (Madrid, 1983). Tras licenciarse en Comunicación Audiovisual e diplomarse en montaxe e postprodución, en 2008 trasládase a Barcelona onde cursa o Máster Documental de creación da UPG. Desde hai quince anos dedícase á montaxe cinematográfica, traballando para cineastas como José Luis Guerín (Las damas de Corinto, Recuerdos de una mañana), Mercedes Álvarez (Mercado de futuros), Isaki Lacuesta (Apagón) ou Marc Recha (Centaures de la nit). La marsellesa de los borrachos é a súa primeira longametraxe como director.