Seis artistas de Galicia protagonizarán dúas xornadas de conferencias performativas no Cinema NUMAX
Na foto, a artista Alejandra Pombo
Co anovador formato de conferencias performativas, Discursos en acción converterá a sala de cinema nun espazo onde ensaiar propostas a medio camiño entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual.
Despois do Tac, Tac, Tac, do Fóra dos museos e dos Episodios de arte contemporánea, a Libraría NUMAX presenta por cuarto ano consecutivo un ciclo que busca o intercambio e a reflexión do público coa arte fóra dos contextos ou contedores artísticos tradicionais. Co apoio da Área de Cultura da Deputación de A Coruña e comisariado por Performa (David Barro, Mónica Maneiro e Iñaki Martínez Antelo), Discursos en acción converterá NUMAX nun espazo onde ensaiar propostas entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual.
Esta será unha das primeiras ocasións nas que o formato de conferencia performativa se poderá gozar en Galicia. A mestura entre arte e acción trouxo a partir dos anos sesenta moitas posibilidades a un discurso creativo que até ese momento tiña a pintura como raíña indiscutíbel das artes plásticas. Retomouse o pulo creativo das vangardas históricas e recolleuse o testemuño da innovación. A aparición da arte conceptual puxo en valor a arte non obxectual, a idea e o proceso como escenarios privilexiados de finais do século XX. A palabra converteuse en materia artística, recobrando o interese posto nela na primeira parte do século co Dadá ou co Surrealismo.
Xunto á palabra e á idea como materias da arte aparece tamén o valor da acción. A finais dos cincuenta cos happenings exercítase un movemento da arte fóra do museo que non tería fin e que se seguiría desenvolvendo nos seguintes anos coa performance, a videoarte, o activismo feminista e exercicios como os das conferencias performativas. O emprego dos medios artísticos para transformar a conferencia clásica con dinámicas que axudan a acoller unha mensaxe por parte dun auditorio é clave nestas accións, cuxa relación co texto é tamén fundamental. Pero nas conferencias performativas non importan só as palabras senón todo o que acontece para reformular as propostas e, ao tempo, introducir as persoas espectadoras no espazo que a artista desexa.
Empregando medios propios da escena e do teatro, usos da linguaxe publicitaria e a compoñente propia dos happenings e da arte de acción, as conferencias performativas fan de cada momento algo irrepetíbel. Este espírito rompedor do século XX é o que quere recoller o ciclo Discursos en acción.
Seis artistas para dúas citas
Seis importantes nomes da arte contemporánea galega encargaranse de darlle vida aos Discursos en acción: Misha Bies Golas, Macarena Montesinos, Jacobo Bugarín, Suso Fandiño, Xisela Franco e Alejandra Pombo. Todos habitan na súa práctica territorios híbridos onde mesturan disciplinas. Doutra banda, a experimentación nas súas obras é constante: adoito reinterpretan as posibilidades dos medios cos que traballan.
As citas para os Discursos serán dúas: os sábados 4 de xullo e 22 de agosto, en sesións de mañá e de tarde. A entrada é de balde, pero cómpre reservar praza no correo [email protected] indicando a que Discursos se quere asistir, pois o aforo do cinema é limitado.
Para a primeira xornada, o sábado 4 de xullo, a orde e os horarios serán os seguintes:
13:00 Suso Fandiño: Os pintores da vida moderna. A cultura de masas
nas orixes das vangardas
16:00 Alejandra Pombo: A importancia de ser iceberg
Cada Discurso terá unha duración de entre 30 e 50 minutos.
Discursos únicos e irrepetíbeis
Para esta actividade interpelouse a cada artista para que se sitúase no lugar do conferenciante: pode falar do que queira, pero desde unha situación teatralizada pola propia proposta de partida. En ocasións será a través de elementos externos, noutras a través da imaxe proxectada na sala ou nos elementos presentes na mesma, ás veces a dominante será a interpretación, pero en todos os casos este momento será único, xa que non se trata dunha conferencia ao uso senón dunha conferencia performativa, construída para acontecer no intre preciso da cita e do lugar proposto como escenario: a sala de cinema NUMAX.
O cinema convértese neste ciclo nun espazo no que todo pode acontecer, un lugar de liberdade creativa onde o público poderá gozar de algo irrepetíbel.
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Emilia Pérez
VOSE
-
-
-
Dahomey
VOSE
-
-
La Parra
VO
-
-
Cando cae o outono
VOSE