Libraría

Eduardo Romero presenta «En mar abierto» dentro do ciclo Futuros

A Libraría NUMAX acollerá a presentación do libro En mar abierto (Pepitas de Calabaza) do activista Eduardo Romero. Esta actividade, que se enmarca dentro do ciclo «Futuros. Conversas arredor de outros mundos posibles», terá lugar o xoves 21 de outubro ás 20:00h. Co autor estará Lorena Relión, traballadora social e membro de Resistencia en Terra Allea. Organiza o Foro Galego da Inmigración xunto a NUMAX.

O activista social asturiano e escritor Eduardo Romero constrúe con En mar abierto unha novela coral que parte de historias reais sobre persoas migrantes, fronteiras e racismo. Publicado por primeira vez en 2016, e reeditado en 2021 por Pepitas de Calabaza, este libro narra os acontecementos e dilemas dun grupo de persoas a quen a nosa sociedade dá as costas. En mar abierto é unha obra feita con compromiso ético e que non oculta o entramado político, social e económico que (in)visibiliza o racismo. O autor, que visitará NUMAX o próximo xoves 21 de outubro ás 20:00 horas, estará acompañado de Lorena Relión, traballadora social e membro de Resistencia en Terra Allea. 

A presentación ten prazas limitadas e aconséllase facer reserva previa no correo [email protected]. Se non podes asistir ou quedas sen praza poderás ver a presentación desde a casa en streaming a través das páxinas de NUMAX en Facebook e Instagram (@numaxcoop).

Eduardo Romero forma parte do colectivo social e editorial Cambalache, fundado en Oviedo no 2003. Escribiu numerosos libros dedicados á crítica da política migratoria, entre eles: Quién invade a quién. Del colonialismo al II Plan África (2011), Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial. Migraciones, fronteras y capitalismo (2010), A la vuelta de la esquina. Relatos de racismo y represión (2008) e Quién invade a quién. El Plan África y la inmigración (2007). En 2019 publicou na editorial Pepitas de Calabaza a Autobiografía de Manuel Martínez, unha crónica dunha xeración de inadaptados sociais aos que a democracia española só lles deu a elixir entre o cárcere ou o manicomio. En 2021 reeditou En mar abierto, que presentará na Libraría NUMAX dentro do ciclo «Futuros», e publicou o ensaio La nueva normalidad (Cambalache), un compendio de artigos sobre a pandemia e a cinismo desenvolvido en Occidente.