Encontro A cor das palabras con Jean-Gabriel Périot e Pablo La Parra
Co gallo da estrea de Regreso a Reims, de Jean-Gabriel Périot, organizamos un encontro A cor das palabras co Concello de Santiago que reunirá o cineasta francés co profesor e investigador Pablo La Parra. Será o domingo 12 de xuño ás 11:30 baixo o título «(Re)montar a historia. Cinema, arquivo, política. Unha conversa con Jean-Gabriel Périot».
O gran protagonista da nosa actividade a vindeira semana vai ser Jean-Gabriel Périot «un dos cineastas politicamente máis intelixentes do panorama contemporáneo», en palabras de Pablo La Parra, coordinador do Departamento de Investigación da Elías Querejeta Zine Eskola (EQZE) e todo un experto na obra do cineasta francés e do cinema político e militante. Arredor da estrea de Regreso a Reims organizamos un encontro A cor das palabras xunto co Concello de Santiago en forma de conversa entre Périot e La Parra, nun diálogo aberto ao público da sala no que se debullarán os materiais e o pensamento que deron lugar a esta obra clave do cinema político actual. Así define Pablo La Parra a obra de Périot e os contidos que serán desenvolvidos no encontro de NUMAX:
«Sen renunciar á investigación formal, os seus filmes son dispositivos políticos que reflexionan sobre a loita de clases, as declinacións múltiples da violencia, as formas inesgotables que adopta a resistencia colectiva ou a dignidade dos vencidos da historia, sempre desde a convicción de que o pasado nunca deixa de interpelar o noso presente. Nesta conversa co cineasta adentrarémonos no seu método de traballo e os seus referentes, que reinterpretan as tradicións máis radicais da historia do cinema, desde o cinema militante aos experimentos de montaxe de vangarda. O punto de partida será Regreso a Reims, adaptación libre do ensaio homónimo de Didier Eribon. A través dun dos recursos preferidos do cineasta, a remontaxe de imxes de arquivo, o filme debuxa un "retrato de clase" no camiño que conduce desde a politización revolucionaria da clase obreira francesa ao ascenso da extrema dereita de Le Pen ao longo do século XX. A partir deste traballo, adentrarémonos na súa extensa filmografía para discutir como, a través de diferentes estratexias cinematográficas, Périot explora os límites políticos da imaxe: desde Hiroshima á extrema esquerda alemá dos 60, desde o Black Power a un grupo de estudantes de secundaria, desde as grandes mobilizacións nas rúas á cela dunha prisión».
O encontro terá lugar o domingo 12 de xuño ás 11:30 con entrada gratuíta até completar aforo. Pódese reservar praza no correo [email protected]. Contaremos coa presenza na sala dunha intérprete que traducirá ao galego as intervencións en francés de Jean-Gabriel Périot. Para completar a documentación sobre o encontro compartimos os itinerarios bibliográficos achegados por Périot e La Parra e que podedes consultar no noso blog.
A fin de semana completarase cun pase especial o venres 10 d'As nosas derrotas (Périot, 2019) presentado por Pablo La Parra, e coa presentación e coloquio a cargo de Jean-Gabriel Périot dun pase de Regreso a Reims na tarde do sábado 11.
Jean-Gabriel Périot
Nacido en Francia en 1975, Périot dirixiu varias curtametraxes nas que desenvolveu o seu persoal estilo de montaxe a partir de materiais de aquivo. A meirande parte das súas obras, xa sexan documental ou ficción, traballan a historia e a violencia. As súas curtametraxes, entre elas Dies Irae (2005), Eût-elle été criminelle... (2006) ou The Devil (2012) foron seleccionadas e premiadas en numerosos festivais. Unha xuventude alemá (2015), a súa primeira longametraxe documental, abriu a sección Panorama da Berlinale 2015. A súa primeira longa de ficción, Luces de verán (2016) foi estreada en San Sebastián e As nosas derrotas (2019) no Forum da Berlinale. Regreso a Reims foi seleccionada na Quincena dos Realizadores de Cannes 2021.
Pablo La Parra
Nacido en Gandía en 1987, La Parra é profesor e coordinador do Departamento de Investigación da Elías Querejeta Zine Eskola (EQZE) e director do proxecto de investigación e arquivo Zinemaldia 70: todas las historias posibles impulsado polo Festival de San Sebastián e EQZE. É doutor pola New York University cunha tese doutoral na que analiza as culturas do cinema militante do tardofranquismo e a transición. O seu traballo académico publicouse en revistas de prestixio internacional e comisariou exposicións e programas públicos en Artium Museoa, o Institut d’Humanitats de Barcelona e Tabakalera.