Cinema

Foco Lars von Trier, con 6 obras fundamentais do pai do movemento Dogma 95

Neste mes de agosto, coincidindo co Foco John Ford, emprendemos unha viaxe pola obra dun dos directores máis influentes e polémicos do cinema contemporáneo, o dinamarqués Lars von Trier. Neste novo Foco proxectaremos seis obras fundamentais do principal expoñente do movemento Dogma 95.

En 1995 un grupo de talentosos cineastas daneses, encabezados por Lars von Trier e Thomas Vinterberg, sacudían o panorama internacional coa publicación do Manifesto Dogma 95, no que proclamaban a necesidade de mudar o xeito de facer cinema. A cámara en man, a rodaxe en espazos naturais sen iluminación artificial ou a non recorrencia aos xéneros clásicos foron algunhas das marcas dun tipo de cinema radical, disposto a crear algo novo.

Nese intre dáse a coñecer mundialmente Lars von Trier, un cineasta que, porén, contaba xa cunha obra máis que suxestiva seleccionada e premiada en festivais internacionais. O presente Foco, que organizamos en colaboración con Filmin, inclúe seis obras representativas das diferentes etapas e maneiras de traballar do cineasta dinamarqués. A selección inclúe dúas obras anteriores ao manifesto Dogma como son O elemento do crime, opera prima do director premiada en Cannes 1984, e Europa, hipnótica inmersión nos males continentais condensados en tempos do nazismo, premio do Xurado en Cannes 1991.

A seguir proxectaremos dúas das pezas máis emblemáticas e representativas do movemento Dogma 95, Rompendo as ondas e Os idiotas, ambas premiadas na Croisette de Cannes. Xa no século XXI escollemos dúas pezas diferentes e altamente suxestivas. Por unha banda a sátira política O xefe de todo isto (2006) e para rematar a apocalíptica Melancolía, gañadora da Palma de Cannes a mellor actriz para Kirsten Dunst. Cada obra contará con tres sesións espalladas ao longo de todo o mes de maneira que ninguén quede sen ver a obra dun dos maiores cineastas do noso tempo.

5 - 12 - 15 de agosto
O elemento do crime (Forbrydelsens element, 1984, 103')

6 - 16 - 23 de agosto
Europa (Europa, 1992, 114')

7 - 14 - 20 de agosto
Rompendo as ondas (Breaking the Waves, 1996, 159')

8 - 13 - 22 de agosto
Os idiotas (Idioterne, 1998, 117')

9 - 17 - 21 de agosto
O xefe de todo isto (Direktøren for det hele, 2006, 100')

10 - 19 - 24 de agosto
Melancolía (Melancholia, 2011, 136')