Cinema

Coloquio en liña con C. Tangana na preestrea de «La guitarra flamenca de Yerai Cortés»

Temos unha sorpresa para ti! O vindeiro xoves 19 de decembro ás 20:15h acollemos a preestrea de La guitarra flamenca de Yerai Cortés, debut na dirección do músico Antón Álvarez, máis coñecido como C. Tangana. O evento contará cun coloquio posterior á proxección con C. Tangana que será emitido vía streaming na nosa sala. Entradas xa á venda en web e billeteira.

Cando C. Tangana coñece a Yerai Cortés queda completamente fascinado co seu talento e intrigado pola súa historia familiar. Yerai é unha figura inusual dentro do flamenco, tan respectada polos xitanos máis tradicionalistas como polos artistas vangardistas da nova onda da que el forma parte. Deciden emprender unha viaxe xuntos para gravaren un disco no que as cancións veñen marcadas por unha gran pena. O propio proceso artístico enfróntao co seu pasado e empúrrao a explorar un segredo familiar a través do cal trata de redimir a relación cos seus pais. O resultado é unha película que desenvolve unha experiencia musical única para mergullarnos nunha historia de paixón, amor e perdón.

A estrea do filme ten ademais un significado moi especial para a cooperativa NUMAX pois o noso socio Marcos Flórez foi co-montador da película desde o Laboratorio NUMAX.



La guitarra flamenca de Yerai Cortés terá a súa estrea oficial en salas o venres 20 de decembro pero en NUMAX temos a honra de participar da preestrea que terá lugar o xoves 19 ás 20:15 cun coloquio posterior en liña con C. Tangana. Este evento terá un prezo especial fixado pola distribuidora de 7,5€ con redución a 6€ para desempregadas, maiores de 65 anos, menores de 18, persoas con discapacidade e acompañantes e estudantes menores de 25. As abonadas de NUMAX poderán acceder na súa tarifa habitual de 4€.