Cinema

A sala de cinema acolle a proxección de «Vía versus» e un recital da poeta María Salgado

O vindeiro venres 9 de xullo ás 19:00h temos unha cita dobre coa poeta María Salgado que terá lugar no Cinema e na Libraría NUMAX. A xornada arrancará na sala de cinema coa proxección de Vía versus, mediametraxe dirixida a catro mans pola propia María Salgado en colaboración coa cineasta arxentina Clarisa Navas. A sesión arrancará cunha presentación e lectura de poemas a cargo de Salgado. Este pase terá entrada gratuíta e xa podedes reservar butaca na nosa web ou billeteira.
 

Ao remate da sesión, cara ás 20:00h, a actividade continuará na Libraría cunha conversa arredor da película na que van participar a propia María Salgado, acompañada de Chus Pérez Limia e Marta Fernández Salgado, que tamén fan parte do equipo da película, con moderación a cargo da poeta Luz PichelEntrada libre até completar aforo.

Vía Versus é unha peza audiovisual feita de dous poemas ou dous poemas filmados que buscan facer aparecer dous lugares moi concretos, o Nordeste arxentino e Ourense, a partir da fala e as historias dalgunhas persoas que neles habitan e onde se atopan e desatopan cunha orixe e pertenza difíciles de delimitar. Tamén e sobre todo foi unha viaxe a un territorio descoñecido e un desprazamento do medio do que viñan a cineasta arxentina Clarisa Navas e a poeta española María Salgado, en equipo con Lucas Olivares, Marta F. Salgado, Luis Molina, Marta Orozco e Chus Pérez Limia.

A peza foi filmada entre o nordeste arxentino —Formosa e Correntes— e Galicia —Pousada e Verín—. A partir destes territorios concretos e das linguas, historias e formas de vida de quen os habita, a obra indaga naquilo que permanece oculto ou silenciado por procesos históricos de represión e esquecemento. Dous poemas escritos por Salgado acompañan o filme como voces sonoras e como textos impresos dispoñibles para o público, articulando un diálogo entre palabra, imaxe e territorio. Máis sensorial que discursiva, a película constrúese como unha viaxe compartida na que ambas artistas se desprazan desde as súas linguaxes e lugares de orixe cara a un espazo común aínda por definir. Este proceso de apertura colectiva, vivido xunto ao equipo de traballo, dá lugar a unha obra de sentido aberto, que se expande máis aló da proxección e desprega en distintas formas de experiencia.