Cinema

O Universo David Lynch recupera 8 obras mestras do cinema contemporáneo

Co gallo da celebración do 20 aniversario da mítica Mulholland Drive, ofrecemos, en colaboración coa distribuidora Avalon, unha retropectiva case completa que nos achegará en copias restauradas ao Universo David Lynch. O foco terá pases diarios en NUMAX do 11 de xuño ao 12 de agosto.

Un 20 de xaneiro de hai 75 anos nacía no pobo de Missoula, Montana, David Keith Lynch, un rapaz tímido, de clase media e afeccionado ás artes que, co paso dos anos, se convertería en todo un mito da creación contemporánea. Formado na Pennsylvania Academy of Fine Arts, Lynch destaca desde moi novo pola súa infatigable ansia creativa, xa fose no campo da fotografía, a pintura ou a música, mais axiña se decanta polo cinema coa realización de irreverentes curtametraxes que tamén poderemos gozar nesta retrospectiva.

En 1977 dirixe, case sen cartos, Cabeza borradora, unha obra sombría e enigmática que xa avanzaba a querencia surrealista do director. O filme, aínda sendo underground, convértese axiña nun título de culto, e aplana o camiño para as súas seguintes creacións que contaron xa co aplauso unánime de público, crítica e festivais. A súa segunda longa, O home elefante, contou con 8 nominacións aos Oscar e, en 1986, crea toda unha icona da cultura popular con Veludo azul. A finais dos oitenta Lynch combina a dirección da celebérrima serie televisiva Twin Peaks con novas obras mestras para a pantalla grande como a inesquecible Corazón salvaxe, Palma de Ouro en Cannes, a versión para cinema de Twin Peaks. Fogo camiña comigo e, xa en 1999, unha das súas obras máis tenras e accesibles: Unha historia verdadeira.

O Universo David Lynch complétase coa escura e claustrofóbica Estrada perdida e, xa en 2001, Mulholland Drive, unha obra total que figura en todas as listaxes do mellor do que levamos de século XXI. Como guinda, temos preparada unha escolla das súas mellores curtametraxes nunha sesión que inclúe Six Men Getting Sick (1966), The Alphabet (1968), The Grandmother (1970), The Amputee (1974), Lumière (1995). Comezamos!

Do 11 ao 17 de xuño
Mulholland Drive

Do 18 ao 24 de xuño
Cabeza borradora

Do 25 de xuño 1 de xullo
O home elefante

Do 2 ao 8 de xuño
Veludo azul

Do 9 ao 15 de xullo
Corazón salvaxe

Do 16 ao 22 de xullo
Twin Peaks. Fogo camiña comigo

Do 23 ao 29 de xullo
Estrada perdida

Do 30 de xullo ao 5 de agosto
Unha historia verdadeira

Do 6 ao 12 de agosto
Selección de curtametraxes