Cineuropa 2025

En carteleira

Ver a programación

Eyes of Laura Mars / Os ollos de Laura Mars

Irvin Kershner

Laura Mars, unha fotógrafa de Nova York famosa polas súas imaxes provocadoras de violencia e erotismo, comeza a ter inquietantes visións: ve a través dos ollos dun asasino mentres este comete os seus crimes. A medida que as mortes se achegan ao seu círculo máis íntimo, Laura tenta distinguir entre a inspiración artística e a obsesión, entre a realidade e a alucinación. Ler máis

Sempre

Luciana Fina

Cincuenta anos despois do 25 de abril de 1974, Luciana Fina revisita as imaxes da Revolución dos Caraveis, a través dos arquivos da Cinemateca Portuguesa e RTP. Ler máis

Punku

Juan Daniel Fernández Molero

Na selva peruana, Meshia, unha adolescente matsigenka, atopa a Iván, un mozo desaparecido hai dous anos. Tras levalo ao hospital e reunilo coa súa familia, é acollida por eles e comeza a traballar no seu bar. Ler máis

Un futuro brillante

Lucía Garibaldi

Nun pequeno barrio gris, suspendido fóra do tempo, Elisa, unha moza intelixente e curiosa de dezaoito anos, é elixida para ir traballar ao Norte, unha honra que enorgullece á súa familia e á comunidade enteira. Porén, ninguén regresa dese lugar: tamén a súa irmá maior marchou e nunca volveu. Mentres a nai aforra desesperadamente para gañar na lotaría e reunirse coas fillas, Elisa comeza a cuestionar se marchar é realmente o mellor destino. Ler máis

Puzzle of a Downfall Child / Confesións dunha modelo

Jerry Schatzberg

Lou Andreas Sand, unha antiga modelo recluída nunha casa á beira do mar, acepta contar a súa historia a un amigo fotógrafo que quere facer unha película sobre ela. A través da súa voz e da súa memoria fragmentada, reconstrúese o ascenso e a caída dunha muller atrapada entre a beleza, a fama e a inestabilidade emocional. Ler máis

Resurrection / Resurrección

Bi Gan

Nun futuro no que a maioría da humanidade perdeu a capacidade de soñar, unha muller descobre que un ser extraordinario pode seguir percorrendo os mundos oníricos que os demais xa non poden alcanzar. Empregando o seu poder para adentrarse na mente do ser, accede ás súas visións sobre a historia chinesa, atravesando épocas, cinema e memoria. En cinco capítulos sensoriais, "Resurrección" opera como unha odisea visual sobre o cinema, o soño e a procura da eternidade. Ler máis

Eloy de la Iglesia, adicto al cine

Gaizka Urresti

Retrato dun cineasta valente, un enfant terrible nos seus inicios, combativo fronte á censura e sempre disposto a explorar os límites da liberdade de expresión. Cronista da cara máis escura da Transición, a súa traxectoria acabaría afundíndose nos infernos da drogadicción e no esquecemento durante máis dunha década. Repudiado por moitos, logrou finalmente saír do ostracismo e regresar ao seu verdadeiro vicio: o cinema, a adicción da que nunca conseguiu desengancharse. Ler máis

Hurry Sundown / A noite desexada

Otto Preminger

Tras o remate da Segunda Guerra Mundial, Henry Warren, un terratenente ambicioso, tenta facerse coas leiras dos seus veciños para construír un gran complexo agrícola. Mais atópase coa resistencia de dous pequenos propietarios: Rad McDowell, un veterano branco empobrecido, e Reeve Scott, un agricultor negro decidido a defender a súa herdanza familiar. Ler máis

¿De qué casa eres?

Ana Pérez-Quiroga

“De que casa es?” foi a pregunta que tiveron que responder case tres mil nenos e nenas españolas exiliadas na Unión Soviética durante a Guerra Civil. Este filme reconstrúe a historia dunha delas, Angelita Pérez, nai da directora, que pasou vinte anos en internados rusos ata licenciarse en Medicina en Moscova. Ler máis

Voyage of the damned / A viaxe dos malditos

Stuart Rosenberg

En 1939, o transatlántico alemán St. Louis parte de Hamburgo con 937 xudeus a bordo, rumbo a Cuba, fuxindo da persecución nazi. Cando o barco chega ao seu destino, o goberno cubano négase a aceptar os refuxiados, e tamén os Estados Unidos e Canadá lles pechan as portas. Mentres a desesperanza medra entre os pasaxeiros e a tripulación, o capitán tenta manter a dignidade e evitar unha traxedia anunciada. Ler máis

Bog nece pomoci / God Will Not Help / Deus non axudará

Hana Jušić

A comezos do século XX, Teresa, unha muller chilena, chega a unha remota comunidade de pastores no interior de Dalmacia, afirmando ser a viúva dun irmán emigrado. A súa presenza altera o equilibrio dun mundo regrado e illado, xerando desconfianza e inquedanza, pero tamén unha inesperada inspiración entre as mulleres. Ler máis

The Botanist / O botánico

Jing Yi

Nun remoto val da fronteira norte de Xinjiang, en China, Arsin, un neno solitario de orixe kazaka, conserva apenas lembranzas da súa familia e atopa consolo entre as plantas que coida con delicadeza. A chegada de Meiyu, unha rapaza chinesa da etnia han, irrompe na súa rutina como o descubrimento dunha nova especie: estraña, fermosa e chea de misterio. Entre ambos nace unha amizade silenciosa, tan fráxil como o ecosistema que os rodea, na que aprenden a mirar o mundo como un océano sen límites. Ler máis

Wanda

Barbara Loden

Nunha zona mineira dos suburbios de Pensilvania, Wanda —interpretada pola propia Barbara Loden— abandona o seu home, renuncia á custodia dos fillos e inicia unha errática viaxe polo lado máis escuro e marxinal do país. Rodada en 16 mm cun pequeno equipo de catro persoas, Wanda é unha obra fundacional do cinema independente estadounidense dos anos setenta, un retrato cru e luminoso dunha muller que busca, sen atopala, a súa liberdade. Ler máis

La mitad de mi familia

Ariel Wolf

Mentres a pandemia illa os uruguaios, Ariel proponse filmar a súa nai, Doris, unha destacada psicanalista. A través do seu relato, ela tece a historia da súa familia xudía que fuxiu de Alemaña, e tamén dos seus parentes nazis que ficaron. Fálanos de amor e desamor entre o seu pai xudeu e a súa nai alemá, filla dun nazi, e de como esa herdanza seuge a afectar as relacións entre pais e fillos 80 anos despois. Ler máis

Sunday, Bloody Sunday / Domingo, maldito domingo

John Schlesinger

Daniel Hirsh, médico homosexual de mediana idade, e Alex, unha muller divorciada, comparten —sen sabelo ao principio— unha relación co mesmo home: Bob, un artista máis novo ca eles. A medida que as historias se entrelazan, a película explora con serenidade e complexidade emocional os límites do amor, o desexo e a soidade. Ler máis

Lola

Jacques Demy

En Nantes, Lola, unha bailarina de cabaré, leva sete anos agardando o regreso de Michel, o amante que a abandonou sen saber que estaba embarazada. No seu camiño crúzanse dous homes: Frankie, un mariñeiro estadounidense, e Roland Cassard, un antigo amigo de infancia que se namora dela. Pero Lola segue fiel ao recordo do seu amor perdido. Ler máis

Un coeur en hiver / Un corazón en inverno

Claude Sautet

Stéphane e Maxime fabrican e reparan violíns e outros instrumentos de corda. Un día, Maxime confésalle ao seu amigo que namorou de Camille, unha nova e talentosa violinista. Os primeiros encontros entre Camille e Stéphane son fríos, mais aos poucos ela empeza a sentirse atraída polo carácter reservado e impenetrable do socio do seu mozo. A resposta contida e enigmática de Stéphane convértese nun xogo de sedución silenciosa, onde o que se expresa é tan importante como o que queda sen dicir. Ler máis

A Single Man / Un home solteiro

Tom Ford

Os Ánxeles, 1962. George Falconer é un profesor universitario británico que tenta comprender o sentido da vida tras a morte de Jim, o seu compañeiro sentimental. A dor e o baleiro empúrrano cara a unha decisión definitiva, mais ao longo dun día cheo de encontros e lembranzas, a presenza da súa amiga Charley e a beleza efémera do mundo poñerán á proba o seu desexo de rendición. Ler máis

Tesis sobre una domesticación

Javier Van de Couter

Unha actriz travesti, estrela do teatro porteño, alcanza o éxito profesional e económico e decide, xunto co seu home —un avogado acomodado—, adoptar un fillo. Mais ese soño de plenitude comeza a esfarelarse cando o pasado reaparece e a “domesticación” da súa vida parece poñer en risco a súa liberdade. Ler máis

La maison sous les arbres / A casa baixo as árbores

René Clément

Philip Hallard, un experto en espionaxe industrial retirado, vive en París coa súa muller, Jill, e cos seus dous fillos nunha aparente tranquilidade, traballando agora como informático. Pero esa paz esváese cando unha poderosa organización secreta secuestra os nenos para obrigalo a regresar ao seu antigo oficio. Ler máis

Boys Don't Cry / Os rapaces non choran

Kimberly Peirce

Ambientada en Nebraska, esta poderosa dramatización real recrea a historia de Brandon Teena, un mozo trans que, baixo a aparencia dun home, tenta construír unha nova vida nunha pequena comunidade rural. O filme explora o amor, a identidade e a violencia, e acende unha luz sobre a vulnerabilidade e a coraxe de quen se enfronta ao rexeitamento e á discriminación. Ler máis

L'amour l'après-midi / O amor despois do mediodía

Éric Rohmer

Frédéric leva unha vida académica acomodada: casado coa súa muller Hélène, avanza cara ao nacemento dun segundo fillo e goza dunha rutina tranquila. Mais a serenidade vese alterada cando reaparece na súa vida Chloé, un antigo amor libre e sedutor que devolve ao seu mundo a tentación e o desexo. A través de tardes informais, paseos e conversacións, Frédéric enfróntase á dúbida: permanecer fiel ao compromiso vello e seguro ou sucumbir á promesa dunha liberdade illada mais fugaz. Ler máis

Bajo las banderas, el sol

Juanjo Pereira

120 horas de imaxes de arquivo: isto é o que resta de 35 anos de ditadura de Stroessner en Paraguai. A partir deste corpus de imaxes raras encontradas en todo o mundo, a película reconstrúe a historia dunha das ditaduras máis duradeiras do século XX, cuxos efectos aínda se deixan sentir hoxe en día. Ler máis

Nuestra tierra

Lucrecia Martel

En 2009, un home e dous cómplices tentan desaloxar os membros da comunidade indíxena Chuschagasta, no norte de Arxentina. Reclamando a propiedade da terra e armados con pistolas, matan o líder da comunidade, Javier Chocobar. O asasino queda gravado en vídeo. Tras nove anos de protestas, en 2018 ábrese finalmente o proceso xudicial. Durante todo este tempo, os asasinos seguen libres. Ler máis

Mildred Pierce / Almas en suplicio

Michael Curtiz

Tras ser abandonada polo seu home, Mildred decide saír adiante pola súa conta e funda un exitoso negocio de restauración, sacrificando todo polo benestar da súa filla Veda. Mais a relación entre ambas, marcada pola ingratitude, a envexa e o desexo de ascenso social, acaba converténdose nun tormento que conducirá á destrución. "Alma en suplicio" é un melodrama clásico con trazos de film noir sobre o amor maternal levado ao límite, a culpa e o prezo da ambición. Ler máis

O meu nome é Camba

Alfonso Castaño, Emilio Fernández

Este documental propón unha viaxe pola vida e a obra de Julio Camba, un dos xornalistas máis populares da primeira metade do século XX. A través da memoria e das voces de biógrafos, xornalistas, intérpretes e amizades, o filme reconstrúe o seu percorrido vital polas cidades nas que viviu e escribiu (Bos Aires, Istambul, Londres, París, Berlín, Roma, Lisboa e Nova York) mentres asistimos ao seu derradeiro baño na habitación 383 do Hotel Palace de Madrid, onde pasou os últimos trece anos da súa vida. Ler máis

Sempre hai un mañá

Douglas Sirk

Clifford Groves é un fabricante de xoguetes, canso da rutina e coa impresión de non ser debidamente apreciado pola súa muller e os seus fillos. Reencóntrase cunha antiga amiga, Norma Miller Vale, á que non ve desde hai vinte anos e a partir de aí comeza a repensar a súa vida. Ler máis

Maurice

James Ivory

Ambientada na Inglaterra eduardiana, "Maurice" conta a historia dun mozo que loita por aceptar a súa identidade nunha sociedade que condena o amor entre homes. Maurice Hall, educado segundo os valores morais da súa clase, descobre o desexo e a súa verdadeira natureza a través da amizade e do amor con Clive Durham, compañeiro de universidade en Cambridge. Ler máis

Morichales

Chris Gude

Nas extensas chairas da Güiana venezolana, as palmeiras de moriche —árbores sagradas e fonte de vida para as comunidades locais— esténdense sobre unha terra atravesada pola cobiza. Baixo o seu manto húmido agóchase o ouro que atrae mineiros e aventureiros, transformando o ecosistema nun escenario de resistencia e ruína. Ler máis

La tour de glace / A torre de xeo

Lucile Hadžihalilović

Anos 70. Atraída polas luces da cidade, Jeanne, unha moza de dezaseis anos, foxe do fogar de menores onde vive nas montañas. Refúxiase nun estudio de cinema que explora ás agachadas durante a noite. Polo día, alí ródase "A Raíña das Neves", protagonizada pola enigmática Cristina. Fascinada pola beleza e o tormento da actriz, Jeanne cae baixo o seu feitizo, e entre ambas nace unha atracción mutua. Ler máis

Ver menos