Cinema

Víctor Santidrián e Emilio J. Fernández presentan o documental «Dez de marzo»

O sábado 26 de novembro ás 17:40 celebramos un pase especial do documental 10 de marzo, que rememora o Proceso dos 23 de Ferrol cuxas manifestacións de protesta remataron co asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla. O acto contará con presentación e coloquio a cargo do historiador Víctor Santidrián e o produtor Emilio J. Fernández.

Foto: Fundación 10 de marzo

O cineasta vigués Roi Cagiao, que xa rememorara feitos clave da historia política galega en Vigo 1972, achéganos agora ás históricas mobilizacións que tiveron lugar o 10 de marzo de 1972 na cidade de Ferrol co documental 10 de marzo, que proxectamos no Cinema NUMAX o sábado 26 ás 17:40. Neste pase contaremos coa presenza do historiador e membro da Fundación 10 de marzo, Víctor Santidrián xunto ao produtor do filme Emilio J. Fernández (Arthur Gordon).

A raíz da negociación do convenio da Bazán Ferrol miles de traballadores do estaleiro saen en manifestación o 10 de marzo de 1972 á mañá polo centro da cidade. En plena ditadura, a Policía Armada tenta interceptar a marcha, e ante a resistencia dos obreiros dispara sobre a manifestación, co resultado de ducias de feridos de bala e dous traballadores mortos: Daniel Niebla e Amador Rey. O filme aborda todo o proceso de penetración das comisións obreiras e do partido comunista dentro do estaleiro Bazán, as tensións na negociación do convenio, os acontecementos dos días 9 e 10 de marzo e a repercusión internacional dos mesmos, así como o chamado Proceso dos 23 no que os principais dirixentes obreiros foron xulgados tres anos máis tarde.