Cinema

Encontro «A cor das palabras» coa arquivista e restauradora Carolina Cappa

Baixo o título «Imaxes que volven... ou por que restauramos filmes» terá lugar o encontro A cor das palabras con Carolina Cappa, arquivista audiovisual especializada en restauración fílmica. A actividade celebrarase o domingo 6 de xuño ás 11:30 horas, dentro do ciclo organizado polo Concello de Santiago en colaboración con NUMAX.

A actual tempada do ciclo A cor das palabras continúa achegándose a oficios e labores do cinema que adoitan ficar ocultos ou pouco coñecidos. Nese camiño recibiremos a visita da arquivista arxentina Carolina Cappa, que nos convida a coñecer de preto o seu traballo como preservadora e restauradora do patrimonio audiovisual e cinematográfico. Ao carón dos elementos máis técnicos e artesanais do traballo co arquivo, o encontro «convoca a darmos un paseo por algúns aspectos sobre a ética, a técnica e a política dos arquivos fílmicos no momento de restaurar imaxes do pasado e volver exhibilas no presente».

A actividade terá lugar o domingo 6 de xuño ás 11:30 horas da mañá e ten acceso libre até completar aforo, se ben é recomendable reservar praza no correo [email protected]. Se non podes achegarte ou quedas sen praza, recorda que o encontro vai ser retransmitido en streaming a través da páxina de Facebook de @numaxcoop

A intervención de Carolina Cappa completarase coa presentación en sala de dous pases de Moana with Sound (1980), versión sonorizada por Monica Flaherty a partir das imaxes gravadas en 1926 polos seus pais, os históricos documentalistas Frances e Robert Flaherty, nunha copia restaurada por Bruce Posner en 2015. As sesións celebraranse nas tardes do sábado 5 e domingo 6 de xuño.

Carolina Cappa (Bos Aires, 1982) é arquivista audiovisual especializada en preservación e restauración fílmica. É tamén profesora de medios audiovisuais. Acaba de publicar Nitrato argentino, una historia del cine de los primeros tiempos, libro e sitio web que recolle a investigación e o proxecto de preservación sobre cinema silente arxentino. Cappa traballou durante máis dunha década no Museo do Cine "Pablo Ducrós Hicken" (Bos Aires), na Cinemateca Boliviana (La Paz) e en diversos proxectos de restauración fílmica. Como profesora traballou na Universidade de Bos Aires en asignaturas de creación e tecnoloxía audiovisual das carreiras de Deseño de Imaxe e Son e Deseño Gráfico. Colabora co proxecto de "Investigacións do Deseño de Imaxe e Son" (IDIS) da Universidade de Bos Aires e desde 2018 imparte o taller "Pequenos Arquivos Audiovisuais" para a creación de arquivos audiovisuais descentralizados ou comunitarios. Actualmente reside en Santiago de Compostela e é profesora e titora no itinerario Arquivo da Elías Querejeta Zine Eskola (Donostia).