NUMAX

NUMAX proxectou máis de 150 filmes en versión orixinal ao longo dun intenso 2017

O cinema NUMAX foi escollido este ano que vimos de despedir como sala de referencia en España pola rede internacional Europa Cinemas. Por el pasaron máis de 30.000 persoas, que asistiron a case 1.700 sesións.

2017 foi sen dúbida o ano no que NUMAX chamou a atención para alén de Santiago de Compostela e acadou repercusión internacional. Á parte da escolla como sala española de referencia para Europa Cinemas (anunciada no Festival de Cannes en maio), o Cinema NUMAX foi convidado a elixir o representante estatal do programa 28 Times Cinema, en virtude do que o compostelán Jesús Silva viaxou a Venecia para exercer como xurado do Festival de Venecia, canda outras 27 persoas de entre 18 e 25 anos de cada un dos países membros da Unión Europea.

Tamén volveu as miradas para Compostela a reportaxe dedicada aos novos modelos de exhibición en Europa do número de marzo da revista francesa de referencia Cahiers du cinéma, onde NUMAX é a única sala de cinema española referenciada, ou, de novo en Francia, o informe oficial do goberno elaborado polo CNC (Centre National de la Cinematographie) que cita o noso modelo económico (Cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro) e de financiamenton (crédito cooperativo a través de Coop57) como exemplo a seguir nas salas de cinema “do futuro”. Nesta liña, NUMAX foi convidada a participar no foro organizado pola asociación L'Avant-Scène, en Laval, que levou por título "A sala do futuro: lugar de inspiración, de creación e experimentación”.

Mostra deste interese foron tamén os diferentes convites para participar como xurado en diferentes festivais internacionais, onde o cinema NUMAX estivo representado: Festival de Locarno (xurado Europa Cinemas), Festival de Ourense (xurado oficial), Festival de Sevilla (xurado CICAE), Muestra Internacional de Cine de Lanzarote (xurado oficial).

Ramiro Ledo, responsábel do Cinema NUMAX, no festival de Locarno

O cinema NUMAX ampliou ademais en 2017 a súa rede de colaboracións, outorgando 4 premios de exhibición noutros 4 festivais internacionais a filmes que poderán verse durante 2018 dentro do programa Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX (Márgenes, Novos Cinemas, Lanzarote, Verín) e continuou as súas colaboracións cos festivais da cidade: WOS, Curtocircuíto e Cineuropa, co Festival de Róterdam (IFFR Live), con Amnistía Internacional Compostela, coa Secretaría Xeral de Cultura, para quen programou e acolleu o ciclo de filmes VindeCine e co Concello de Santiago, para o que organizou e programou o ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas e que permitiron que Alberto Vázquez (A Coruña), Bruce Elder (Canadá), Milagros Mumenthaler (Arxentina) e Nicole Brenez (Francia) compartiran co público as súas maneiras de traballar.

Unha sesión d´A cor das palabras

NUMAX Distribución

A área de distribución de NUMAX consolidou este ano a súa actividade coa estrea de catro títulos con ampla presenza nas listas das mellores estreas de 2017: Correspondencias, de Rita Azevedo Gomes; La idea de un lago, de Milagros Mumenthaler (de quen recuperamos tamén o seu debut de 2011, Abrir puertas y ventanas) e Mimosas, de Oliver Laxe, que recolleu este ano a testemuña de NUMAX nos premios da cultura galega 2017 despois de que o seu filme, gañador da Semana da Crítica en Cannes, fora visto por máis de 12.000 persoas en salas comerciais de toda España.

O Laboratorio NUMAX

O Laboratorio NUMAX conta desde o pasado marzo cun novo espazo na rúa Doutor Teixeiro, 13. Esta ampliación débese en boa parte ao reforzo das áreas de vídeo e de comunicación, que agora ofrece tamén servizos especializados de programación web, xunto aos xa habituais servizos de deseño gráfico, con especial atención atención ao sector editorial, deseño web, comunicación e creación de contidos e edición e posprodución de vídeo.

Dentro dos traballos realizados o pasado ano destacan, por exemplo, o deseño e maquetación da monografía sobre Anna Turbau que vén de editar o Consello da Cultura Galega, o catálogo de Grace Schwindt para o MARCO de Vigo, o deseño de imaxe do programa Ao Vivo para o Concello de Santiago, o deseño de eventos anuais como o Monumenta ou o Festival Sinsal ou a campaña de comunicación de Candieira, un proxecto de intercooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro realizado en colaboración con Cidadanía, S. Coop. Galega.

Catálogo de Anna Turbau

En canto aos servizos audiovisuais, desenvolveuse un completo programa de formación cinematográfica ao abeiro do programa Vidas mariñeiras —promovido polo GALP Golfo Ártabro Norte— ao tempo que se continuou dando soporte técnico a numerosos festivais como o Donostia Zinemaldia (Donostia), S8 (A Coruña), Novos Cinemas (Pontevedra), Curtocircuíto (Santiago de Compostela) ou o OUFF (Ourense). Arestora á area de vídeo prepara a etalonaxe de Estrella errante, o novo filme de Alberto Gracia que foi beneficiario do Premio NUMAX á posprodución concecido no Foro Áncora do pasado Ourense Film Festival.

Making of do programa Vidas Mariñeiras

Naturalmente, o Laboratorio NUMAX segue a ser o responsábel da imaxe de todos os ciclos e actividades realizados no cinema e na libraría, así como de todos os materiais técnicos e promocionais dos filmes que estreou a distribuídora ao longo deste ano, desde as copias en DCP até os carteis oficiais cos que foron presentados, con especial mención á edición do dvd-br de Mimosas.

NUMAX na escola

O programa didáctico NUMAX na escola intensificou a súa actividade o pasado ano, cun catálogo de 12 títulos dispoñíbeis na súa versión orixinal con subtítulos en galego. Ao longo de 2017 viñeron ao cinema un total de 1.807 alumnos/as, o que supón un incremento do 27,6% con respecto a 2016.

Rapaces e rapazas agardando a entrar en Numax nunha sesión de CinEd

Ademais, NUMAX fai parte desde este curso 2017/2018 de CinEd, unha iniciativa do Programa MEDIA e o Institut Français, desenvolvido en España pola asociación A Bao A Qu e coordinado en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe, que conta cun importante catálogo patrimonial de cinema europeo e actividades didácticas asociadas. O arranque da actividade tivo lugar no pasado mes de novembro coa proxección de El espíritu de la colmena.

A Libraría NUMAX

Este pequeno espazo de 45 metros cadrados, que abrira con 3.000 volumes en estoc en marzo de 2015, conta hoxe con 5.000 referencias distribuídas en case 7.000 volumes e un catálogo en liña de 20.000 títulos, sempre en incremento. Ao longo do ano seguiu acollendo presentacións de libros e conversas literarias, así como actividades especiais, como foi o caso do Tac, tac, tac. Un conto nun lugar nun límite de tempo, comisariado por Suso de Toro.

O escritor Manuel Rivas durante un Tac, tac, tac

A libraría NUMAX traballa coas distribuídoras de libros máis importantes do Estado, así como con proxectos de dimensión máis reducida, o que lle garante ter unha selección xeralista canda a produtos moi especializados. Conta tamén cunha importante selección de DVD e Bluray e traballa de xeito moi selectivo Cds e vinilos.

Deseña e xestiona, en colaboración con outras entidades, bibliografías específicas, funcionando como minilibraría, como fixo durante os festivas de Curtocircuíto ou Escenas do cambio. Cabe destacar que o noso pequeno espazo foi escollido xunto a outras nove librarías de todo o Estado para a exposición Pasa Página da Biblioteca Nacional de España.