NUMAX

Case 300 filmes proxectados en versión orixinal no Cinema NUMAX en 2018

No noso balance do ano destaca a consolidación do programa didáctico NUMAX na Escola para centros de ensino de primaria, secundaria e bacharelato, con máis de 3.000 asistentes ás proxeccións.

Ao longo do ano que vén de rematar a sala de cinema NUMAX acolleu a proxección de preto de 300 filmes, sempre en versión orixinal. No balance do ano destaca a escolla de NUMAX como única sala do Estado, por segundo ano, que acolleu a proxección dos filmes finalistas dos premios LUX en sesión simultánea, nun evento organizado pola rede internacional Europa Cinemas e o Parlamento Europeo.

O Cinema NUMAX acolleu ao longo de 2018 cinco encontros, dentro do ciclo “A Cor das palabras”, en colaboración co Concello de Santiago, onde o público puido escoitar e debater con cineastas contemporáneos de referencia e novos talentos: Nobuhiro Suwa, Eugène Green, Andrés Goteira, Meritxell Colell, Giorgio Passerone e Pedro Costa.

Proxectáronse dezasete filmes en pase único de estrea absoluta na cidade (dos cales 12 foron estrea en Galicia) dentro do ciclo Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX. Este ciclo conta coa colaboración da USC, que ofrece 1 crédito ECTS pola asistencia ao seu estudantado e, nas 6 últimas proxeccións de 2018, contou co apoio do Concello de Santiago, que permitiu que estas fosen de acceso gratuíto.

Este foi o ano da consolidación do programa didáctico NUMAX na Escola para centros de ensino de primaria, secundaria e bacharelato, con máis de 3.000 asistentes ás proxeccións de filmes como Sufraxistas, Phantom Boy, O Principiño e Karl Marx de mozo. Neste curso ampliouse a oferta a cursos de infantil e primaria e incluíronse novos filmes para secundaria e bacharelato como Tódalas mulleres que coñezo.

2018 foi tamén o ano de dúas importantes retrospectivas, a de Straub-Huillet (por primeira vez en cines, na única sala comercial en España), grazas á colaboración do Museo Nacional de Arte Reina Sofía, e a de Ingmar Bergman no seu centenario. Tamén en 2018 volveu o popular Nocturama ás noites de verán de NUMAX, con filmes non estreados na cidade e clásicos restaurados.

Así mesmo, NUMAX continuou as colaboracións con festivais e emprendeu outras novas: IFFR Rotterdam, Festival Márgenes, Muestra Internacional de Cine de Lanzarote, Festival D'A Barcelona, Festival de Cine Europeo de Sevilla, Festival Novos Cinemas, S8 Mostra de Cinema Periférico, Mostra de Curtas Sociais Implicadas no Desenvolvemento, Premios da Música Martín Códax... Cabe destacar que, ademais de colaborar, NUMAX volveu ser sede de festivais clave na cidade, como Cineuropa, Curtocircuíto, MICE Mostra de Cinema Etnográfico ou Wos Festival.

Doutra banda, o cinema compostelán foi o único en Galicia que acolleu, en estrea mundial, a proxección simultánea do filme Distant Sky. Nick Cave & The Bad Seeds live in Copenhagen.

NUMAX Distribución
A área de distribución de NUMAX seguiu a consolidar este ano a súa actividade, estreando dous títulos en máis de 25 salas de toda España cada un: O león dorme esta noite (Nobuhiro Suwa, 2017) e Con el viento (Meritxell Colell, 2018), ambos con ampla presenza nas listas que compilan os mellores filmes do ano en diferentes medios.

Laboratorio NUMAX
Dentro da área de vídeo destaca a montaxe do filme Arima, de Jaione Camborda, e a etalonaxe e DCP dos filmes La estrella errante de Alberto Gracia, 7 Limbos, de Berio Molina e Alexandre Cancelo e In memoriam, de Marcos Merino. Esta área foi tamén a encargada da direccion técnica do festival Novos Cinemas. Outro traballo a destacar foi o programa Vidas mariñeiras, un programa pedagóxico en audiovisual que se pón en marcha por segundo ano consecutivo.

Entre os traballos realizados polo Laboratorio o pasado ano destacan, no resto de áreas, o deseño das webs de Praza, Vinte e do CGAI, o deseño das exposicións de Baldomero Pestana (Centro Gaiás) e Catalá Roca (Auditorio de Galicia), o deseño editorial do catálogo de Baldomero Pestana (Cidade da Cultura de Galicia / Instituto Cervantes), do de Isaac Pérez Vicente (Concello da Coruña) e do poemario Todo isto antes era noite de Lucía Aldao (Apiario). Así mesmo, deseñouse a identidade corporativa de Proxecta e leváronse a cabo as tarefas de deseño gráfico e comunicación dos Orzamentos Participativos da Coruña, entre outras encargas.

Libraría NUMAX
Autores e autoras como Claudia González Caparrós, Nuria Díaz, Natalia Poncela, Lucía Aldao, Ildefonso Rodríguez, Luisa Castro, Jorge Linheira, Julio Pérez Manzanares, Iolanda Zúñiga, Ledicia Costas, Celia Parra, Roberto Abuín , Laura Lamontagne, Ángel Estévez, Aser Álvarez, Iván Nespereira, Bea Lema, Manuel Rivas, Suso de Toro, Antón Blanco, Alfonso Castillo, Manuel Darriba, Francesc Marzo Bellot, José Carlos Lorenzo Tomé, Teresa Moure, Eduardo Estévez, Lucía Novas, Álvaro Domínguez, Fernán del Val Ripollés, entre outros, presentaron na Libraría NUMAX as súas obras máis recentes ao longo deste ano.

Unha presentación na Libraría NUMAX

A maiores, e máis aló dos libros, organizouse no espazo da Libraría a actividade “Fóra dos museos”, un percorrido singular por pezas únicas provintes de museos e coleccións privadas que convidaba á reflexión sobre o papel destas institucións en Galicia e que contou coa colaboración da Deputación da Coruña.

Tamén destaca o encontro con tradutores e tradutoras de Stefan Zweig ao galego, a proposta da artista Helen Bertels, «Para ti, co corazón na man» e o encontro, dentro da programación paralela do ciclo De Lugares e Órganos, organizado pola Concellaría de Acción Cultural de Compostela, co cantante Marco Beasley.