Cinema

Arranca a nova tempada do ciclo «Os ollos verdes» coa proxección gratuíta de «A Ciambra»

Co inicio do novo curso académico xa temos preparada a reanudación do programa «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX» que neste 2018-2019 conta coa gran novidade de que todos os pases serán gratuítos. Se estudas na USC podes acadar 1 crédito ECTS asistindo a 12 sesións ao longo do curso. Arrancamos o luns 17 de setembro con A ciambra, premio Europa Cinemas en Cannes 2017.

O programa «Os ollos verdes. O cinema inédito de NUMAX» fai posíbel a estrea en pantalla grande de obras cinematográficas anovadoras que, posuíndo unha calidade artística certificada en festivais de prestixio internacional, non adoitan atopar espazo nas carteleiras comerciais. O ciclo conta co apoio do Concello de Santiago e un acordo coa Universidade de Santiago de Compostela que permite ao estudantado obter 1 crédito ECTS. Para acadalo cómpre asistir a un mínimo de 12 sesións de setembro de 2018 a maio de 2019 e realizar ao finalizar os visionados un contido específico, cunha extensión mínima de 5.000 caracteres, que teña relación con calquera aspecto do programa (un filme ou cineasta en particular, un texto que abranga o programa completo de maneira máis informativa, un texto de creación libre a partir dalgunha referencia extraída do programa, algún achegamento analítico). Pide xa o teu cartón «Os ollos verdes» para que cho acuñemos con cada pase!

A primeira cita do ciclo «Os ollos verdes» terá lugar o luns 17 de setembro cunha obra de altura. N'A ciambra o mozo director estadounidense de orixe italiana, Jonas Carpignano, achéganos ao cotiá de Pío, un rapaz de 14 anos pertencente a unha pequena comunidade xitana de Calabria, que desexa facerse maior o máis axiña posíbel, sendo un dos poucos membros do poboado romaní que se relaciona cos italianos locais e os refuxiados subsaharianos. Unha cámara inquieta, sempre próxima ao rostro dos actores, intróducenos nunha alucinante viaxe polos poboados da Ciambra. Capignano «extrae unha abraiante verdade dos actores, que non en van interpretan unha versión ficcionalizada de si propios» (Caimán). O pase terá lugar o luns 17 de setembro ás 19:30 horas e aínda que ten acceso gratuíto até completar aforo pódese reservar entrada a partir do venres 14 de setembro de maneira exclusiva na billeteira de NUMAX. A continuación tedes o programa completo até finais deste 2018

Luns 17 de setembro
A ciambra (Jonas Carpignano, 2017, 113')

Luns 15 de outubro
Tódalas mulleres que coñezo (Xiana do Teixeiro, 2018, 71')

Luns 29 de outubro
Colo (Teresa Villaverde, 2017, 136')

Luns 5 de novembro
Escoréu, 24 de decembro de 1937 + Aínda me quedan balas para debuxar (Ramón Lluís Bande, 2017, 67' + 16')

Luns 3 de decembro
A infancia dun líder (Brady Corbet, 2015, 115')

Luns 17 de decembro
Ainhoa: yo no soy esa (Carolina Astudillo Muñoz, 2018, 98')