Berta Dávila presenta «Illa Decepción» en NUMAX
[FOTO: © Distrito Xermar, arquivo da AELG]
Volven as presentacións á Libraría NUMAX! A escritora compostelá Berta Dávila (1987) visitaranos o vindeiro xoves 25 de febreiro ás 19:30 presentar Illa Decepción, gañadora da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. A autora estará acompañada por Carlos Lema, director da Editorial Galaxia, nun acto que será retransmitido vía streaming nas redes sociais de NUMAX.
Na Libraría NUMAX imos recuperando aos poucos a nosa actividade habitual, con presentacións das principais novidades editoriais. Nese sentido, fainos moita ilusión recibir de novo a Berta Dávila, escritora da cidade que xa nos visitou hai un ano na presentación de Carrusel e que regresa agora con Illa Decepción, novela curta que abre poderosos interrogantes: Que queda de nós nas casas onde vivimos noutro tempo? Se algo permanece nelas, pódese acceder a aqueles momentos, ás sensacións idas?
Con este libro, Dávila vén de colleitar o XIV Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, outorgado por un xurado que definiu a obra como «unha novela de auto representación, en que a autora navega polos lugares cotiáns cunha delicadeza estilística posuída de grande elegancia ao tempo que expón ante o lectorado cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade». Entre a realidade de Santiago de Compostela, a sutileza na representación pictórica do confinamento, as viaxes soñadas e a rutina das lavanderías de pago, emerxe o universo ficticio de Beautiful Island como metáfora dun mundo en constante redefinición que bebe da emoción das experiencias pasadas para construír o seu territorio vivencial presente. Estilisticamente, a portavoz do xurado destacou que Illa Decepción «é unha obra escrita con admirable dominio dos recursos expresivos, extraordinario aproveitamento das imaxes, símbolos e referentes, e unha prosa depurada onde nada sobra e todo é substantivo».
A presentación terá lugar o xoves 25 de febreiro ás 19:30 horas, coa presenza da autora, acompañada de Carlos Lema, director da Editorial Galaxia. Por mor das restricións sanitarias contaremos cun aforo reducido a 7 persoas previa reserva. Esta realizarase por orde de solicitude no correo [email protected]. Ante estas restricións comprácenos informarvos que o acto será retransmitido vía streaming a través das nosas Redes Sociais. Para ir abrindo boca compartimos o itinerario bibliográfico elaborado para a ocasión pola autora: https://numax.org/itinerarios/detalle/itinerario-berta-davila
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés. O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da Asociación de Editores. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel (Editorial Galaxia).
- Hoxe
- Ver máis
-
-
Parthenope
VOSE
-
-
-
A luz que imaxinamos
VOSE
-
-
-
Queer
VOSE
Artigos relacionados
ILLA DECEPCIÓN
16.75€A pel do mundo
10.90€Carrusel
15.50€Estas son algunhas das miñas cousas favoritas
8.00€A arte do fracaso
12.00€Libres e vivas
19.40€Raíz da fenda
16.50€Derradeiro libro de emma olsen, o (vii premio repsol 2013)
15.90€O derradeiro libro de Emma Olsen (Novela Gráfica)
20.75€