Cinema

O Outono Códax Festival vívese en NUMAX con «Blow Up. A música no cinema»

O vindeiro sábado 5 de novembro temos preparada unha xornada moi especial no que a mellor música e o cinema se dan a man, con proxeccións e actividades literarias. «Blow Up. A música no cinema» fai parte das actividades paralelas do Outono Códax Festival e está organizado xunto á Reixa Tenda.

Estamos moi felices de anunciar a nosa primeira colaboración con A Reixa Tenda e o Outono Códax Festival para xuntar música e cinema nunha soa xornada. «Blow Up. A música no cinema» parte da emblemática fita de Michelangelo Antonioni para ofrecer unha coidada selección de filmes inéditos na cidade que se proxectarán no Cinema NUMAX durante toda a xornada do sábado 5 de novembro. Esta selección foi elaborada por Xavier Valiño (crítico musical), Alberte Branco (Director de fotografía) e Fran Villasenín (A Reixa Tenda) e inclúe diferentes actividades no cinema e a Libraría.

A xornada conta cunha tarifa xeral reducida de tan só 5€ por sesión con entrada reducida para as abonadas do Outono Códax Festival 4€ e do Cinema NUMAX 3,5€. Velaquí o programa completo da xornada:

Sábado 5 de novembro
12:00 Blow-Up (Michelangelo Antonioni, 1966, 108')
Tras máis de 20 filmes asinados en Italia, un dos maiores referentes do cinema de autor europeo, Michelangelo Antonioni, decide viaxar a Londres para adaptar o relato de Julio Cortázar "Las babas del diablo", incluído no libro Las armas secretas. Nun Londres en plena efervescencia pop, un fotógrafo retrata o encontro dunha parella nun parque rexistrando imaxes que pouco a pouco irán revelando as súas capas. Unha obra mestra do cinema moderno con música de Herbie Hancock.
Presentan a sesión Xavier Valiño, Alberte Branco e Fran Villasenín

17:00 The Punk Singer (Sini Anderson, 2013, 81')
«
Impórtame unha merda se a xente non cre que o feminismo é importante, porque eu sei que o é. E non me importa se a xente non cre que poida existir a enfermidade de Lyme, porque eu téñoa e outras persoas téñena», con esta contundencia se expresa Kathleen Hanna, líder de Bikini Kill e Le Tigre e protagonista de The Punk Singer. A cineasta Sini Anderson ofrece un retrato sen concesións ás circunstancias que marcan a súa vida: riot grrr, vida familiar, celebridade, Kurt Cobain, enfermidade de Lyme e o seu retorno como Julie Ruin.

19:00 Presentación na Libraría do libro Los 100 mejores documentales del rock a cargo do seu autor, o xornalista musical Xavier Valiño.

20:15 Charles Bradley: Soul of America (Poull Brien, 2012, 75')
Partindo do seu 62 aniversario, o filme segue a extraordinaria viaxe do cantante Charles Bradley durante os meses electrizantes e transformadores que conduciron o lanzamento do seu álbum No Time for Dreaming.

22:00 Songs for Drella (Edward Lachman, 1990, 55')
En 1990, os célebres líderes de The Velvet Underground John Cale e Lou Reed reencóntranse moitos despois da separación do grupo para homenaxear a Andy Warhol nun concerto que é historia da música.